Desde Sermos Galiza:
“A iniciativa naceu no Clube de Lingua do IES Marco do Camballón de Vila de Cruces. No inicio foi un concurso que de fotografías con tatoos en galego que se chamou “Galiza a flor de pel”. O resultado foi espectacular e ao centro chegaron máis de 160 fotos de tatuaxes nun proxecto que definen como unha obra de arte colectiva e a primeira colección de debuxos en pel da historia de Galiza.
A través da plataforma de micromecenado ITH Crowdfunding botan a andar agora unha campaña para a publicación do libro Tattoos da Galiza que recollerá as fotografías das tatuaxes máis textos de persoas especialistas en lingua, socioloxía e deseño. “Este será o primeiro livro sobre tatuagens na Galiza, un livro que vincula a nossa cultura com a vangarda, a gente nova e a modernidade”, defenden desde o Clube da Lingua.
“Esta é umha atividade que procura a tua ajuda para completar um projeto de participaçom social e normalizaçom lingüística”, sinalan dunha iniciativa que buscaba vencellar lingua a vangarda creativa. Na web recolleranse as aportacións ao mecenado que busca xuntar 2100 euros para a edición do libro.
Desde poemas de Rosalía ou Lupe Gómez, petroglifos, elementos tradicionais, ditos populares ou o corpo convertido en pancarta de protesta e reivindicacións son algúns dos motivos dos tattoos que, de se conseguiren os cartos, serán recollidos no libro e que locen xa na pel persoas de, de maneira especial, entre 18 e 40 anos.”