Promoción internacional do libro nas feiras e na Rede

«Dende o pasado xoves e ata o 10 de outubro, o libro galego preséntase por primeira vez en Montevideo; do 3 ao 5 de outubro no Liber de Barcelona; do 10 ao 14 de outubro en Frankfurt, e do 24 de novembro ao 2 de decembro en Guadalajara (México). Xa no 2008, asistirá á Habana, Bolonia e Bos Aires, e enviará unha delegación a Londres e á Bienal do Livro de Brasil.

Por todos estes países, Cultura levará unha imaxe de “fecundidade” do panorama editorial galego, representada cun dente de león e unha cor verde predominante, e organizará actividades paralelas como presentacións de libros e actuacións musicais para brindar “un coñecemento máis amplo da nosa cultura”.

Entre outras accións, desenvólvese un catálogo online da produción editorial galega máis recente, con fragmentos traducidos ao inglés, e a edición bilingüe en galego e alemán dunha escolma de poesía galega.

Cultura salienta a presenza na Habana como país convidado e en México, onde Galicia contará por primeira vez cun stand propio, e para a que xa confirmaron a asistencia 10 editoras galegas. Asemade, a revista mexicana Reverso dedicará un especial aos poetas galegos actuais.» (Xeración Web)