O xiro da Academia: Manuel María, Xela Arias e Carvalho Calero, candidaturas ás Letras 2016

DesdeReal Academia Galega Sermos Galiza:
“Sexa quen for das tres candidaturas a que finalmente o vindeiro día 4 acade o maior número de votos de académicos e académicas, o que están asegurados son os parabéns para unha institución que aguantou como puido un ano ensombrecido polo pasado vencellado ao franquismo de Xosé Filgueira Valverde. Calquera dos tres nomes que a propia Academia Galega, nun acontecemento tamén inusual, anuncia como candidaturas presentadas cos avais necesarios ten detrás un amplo apoio social que respaldará a elección que se produza na rúa Tabernas.
O profesor, investigador e escritor Ricardo Carvalho Calero é, sen dúbida, o capítulo pendente da Academia. Durante moitos anos, os requirimentos para que se saldase a débeda co profesor sucedéronse e mesmo na pasada edición, Carvalho conseguiu, cando menos, ser valorado no debate final. A defensa de Carvalho Calero do reintegracionismo é o atranco que impide a moitos dos académicos e académicas apoiar unha candidatura que, dalgunha maneira, iría contra a filosofía das normas da propia institución. No último ano, sentíronse xa voces que reclamaban, pola contra, deixar de petar na férrea porta de Tabernas e conmemorar ao profesor máis alá da Academia, convencidas de que aínda non é o momento de que Carvalho Calero a atravese.
Canto a Manuel María, o poeta foi xa un dos nomes que se barallaron con forza na anterior edición, cando xa se cumprira unha década da súa morte. O que fora tamén académico tería ao seu favor, alén da súa propia obra, ser un referente da nosa cultura no pasado século, un dos escritores que máis foi cantado e que pode dar máis xogo nos centros de ensino en todos os seus niveis. Por outra parte, non hai que esquecer a condición de Manuel María de activista da lingua e a cultura, condición que se fai especialmente acaída no noso tempo, en especial, nas novas xeracións nas que se está a perder o uso do galego. Finalmente, a figura de Manuel María conta desde hai dous anos coa Casa  Museo en Outeiro de Rei, sede da Fundación que leva o seu nome, un centro na Terra Chá que se convertería, de se dar na circunstancia, en lugar de referencia para as conmemoracións durante todo o ano. A propia personalidade do escritor, comprometido, afábel e especialmente sociábel, engade unha virtude máis a súa candidatura, a de ter en activo moitos amigos e amigas, en especial do mundo das letras, que se comprometerían intensamente no seu ano.
Finalmente, da poeta Xela Arias, proposta tamén o pasado ano, tense dito que, cando saíra elexida, podería provocar un ano dinámico como o que resultou cando a Academia apostou por dedicarllo a Lois Pereiro. Xela Arias tería agora tan só 53 anos e converteríase na autora máis nova, en todo caso a de menos tempo entre o seu nacemento e o seu Día das Letras, de se dar o caso. Finada en 2003, a autora converteuse en poeta de culto nas novas xeracións o que, canda a súa condición de tradutora, podería darlle enerxía a unha celebración que amosou no último ano a súa face máis lánguida. Non hai que esquecer que desde o feminismo e, concretamente, desde o feminismo literario, repetíronse ás críticas das poucas veces que a Academia mira para as mulleres para a súa grande data e, sen ir máis lonxe, neste último A Fondo de Sermos Galiza dedicado a Mª Vitoria Moreno, a escritora Susana Sánchez Arins reivindicaba a figura de Xela Arias para o Día das Letras galegas. (…)”