Preséntase en Arteixo, por primeira vez, un traballo colectivo e levado a cabo por un grupo de amigos que se xuntaron para render homenaxe ao poeta e tamén amigo Xosé María Díaz Castro, homenaxeado nas pasadas Letras Galegas.
A obra inédita do poeta é unha obra importante que conviña resaltar dalgún xeito. O grupo A Quenlla interpreta 15 poemas do autor, 13 novos e inéditos e dous dos máis coñecidos do seu libro Nimbos.
Apórtase un libro, obra de D. Alfonso Blanco Torrado, amigo persoal do autor e depositario da súa obra literaria, quen fai un percorrido pola súa obra e pola súa personalidade xenerosa e chea de humanismo. D. Xulio Xiz Ramil, amigo do autor e xornalista e coautor da recolla de imaxes e son, aporta un DVD en recorrido pola xeografía vital do autor recitando poemas propios e en conversa con outras persoas da súa contorna.
Todo este traballo amósase no “Concerto Didáctico” especialmente deseñado para Asociacións Culturais sen ánimo de lucro que queiran divulgar a obra poética e tan delicada de Xosé María Díaz Castro.
Estará o grupo A Quenlla e dará un concerto en directo. Estará tamén o autor do Libro, D. Alfonso Blanco, e falará da dimensión do autor en cuestión, e tamén o autor e director da recolla das imaxes e entrevista -D. Xulio Xiz-, que falará e será presentador, aportando algunhas imaxes que van no vídeo sobre Díaz Castro.
Farase en primicia en Arteixo, despois doutras seis exposicións en ámbitos culturais levados a cabo desde organismos oficiais, e será da man da A. C. Lisístrata, que xa asumiu en tempos un concerto (Mini e Mero acompañados por Saxa) e que da man de Ana Hermida, volve dirixir e estimular esta actividade cultural por estas terras.
O concerto será gratuíto, para todos os públicos e terá lugar o venres 10 de xullo, no Auditorio de Arteixo, ás 20:30 h. podendo reservar a entrada pola internet no enderezo lisistrata.asociacion@gmail.com