Desde Galicia Hoxe:
“A VII Festa da Palabra, que se celebrou este sábado na Insua dos Poetas, na Esgueva (Madarnás, O Carballiño), reivindicou a figura do xornalista, poeta, diplomático e galeguista Francisco Luís Bernárdez (Bos Aires 1900-1978). A súa vida e obra recóllese nun libro no que varios autores rescatan do esquecemento a este ilustre galeguista, e como afirmou o poeta e presidente do Pen Galicia, Luís González Tosar, coordinador da publicación, “é de necesidade manter viva a lembranza de quen fixo tanto pola nosa lingua e pola nosa cultura”.
O volume que recolle a traxectoria vital e profesional de Bernárdez é unha edición que conta co apoio da Deputación de Ourense, da Xunta e do Pen Galicia. Tosar foi precisamente o encargado de abrir o acto nesta xornada festiva para a palabra na nosa lingua. Con el estaba o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; e o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero; o presidente da Academia Arxentina das Letras, José Luís Moure; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o vicepresidente do Parlamento, Miguel Santalices, xunto a persoeiros dos ámbitos institucional, social e cultural de Galicia.
Na clausura do acto Manuel Baltar afirmou que a palabra “é compromiso e progreso” e defendeu a Ourensanía, “un horizonte amplo e plural, o noso xeito de percorrer o mundo, como a definiu o propio Tosar: “Sólida mestura de astucia pándiga e de íntima e fonda reflexión dos que máis sabemos dos camiños do mundo, porque os percorremos case todos, a pé e detrás da roda”. Baltar, quen agradeceu a todos os que achegan “ilusión e vitalidade a este territorio único e singular, comprometidos coa cultura e coa lingua propias de Galicia”, reafirmou que somos ourensáns, “coñecedores do bo e do ruín, sufridos, narrativos e agudos”.
O presidente do goberno provincial dixo coincidir co que Risco –e tamén Bernárdez- expresaba en 1917 na revista neosófica “La Centuria”, onde escribiru: “Ourense está moito máis preto de Nova York que de Madrid”, “Aínda que isto no sexa certo en canto a distancias, explicou Manuel Baltar, si é verdade desde unha perspectiva cultural, na que cómpre ter en conta o papel da Ourensanía, porque os ourensáns, moi amantes do noso, que non entendemos de fronteiras nin de dogmas, preferimos ser máis ben rebeldes e inadaptados. Gústanos sorprender. E como me dixo nunha ocasión Ogando Vázquez a modo de consello: “Hai que rebelarse de voz”. Rematou afirmando o presidente da Deputación que hoxe, “na festa das festas”, “as palabras son compromiso, porque poden que as leve o vento, máis ditas quedas”. (…)