Artigo de Carme Vidal en Sermos Galiza:
“O primeiro libro de Katherine Mansfield será o cuarto que naza baixo o selo Irmás Cartoné, unha pequena iniciativa cultural creada por Carlos Valdés e Celia Recarey que ten como obxectivo publicar libros “de fondo” en galego. O que agora están a levar en man ás librarías viu a luz hai máis de cen anos, en 1911, e era o primeiro dunha autora rebelde e irreverente que, a través de trece relatos, evocaba a súa estadía nunha pensión alemá co fin de agochar o seu preñe fóra do matrimonio.
“É unha muller moi interesante, cunha vida breve mais moi intensa, desinhibida para o seu tempo. Mansfield é toda unha personaxe, á marxe mesmo da súa obra que é breve mais moi importante, cunha grande influencia na narrativa breve anglófona”, sinala Celia Recarey, deste cuarto título que traducen, editan e distribúen, todo conxuntamente, como acontece con calquera novo libro que nace co selo Irmás Cartoné. De igual maneira que fala do de Mansfield, podería falar dos outros tres libros que teñen editado, a comezar por Orlando de Virginia Woolf, o libro co que arrincou o seu selo editorial e que, dalgunha maneira, marcaba a liña que buscaban seguir desde Irmás Cartoné.
“Buscamos ter afinidade cos autores e autoras, unha relación íntima cos seus textos e por iso son os que escollemos para seguir nós mesmos todo o proceso, desde a tradución á promoción”, explica Recarey, unha das dúas “irmás” que deron luz a esta particular proposta que busca achegar ao galego clásicos universais, obras de referencia que aínda non se podía ler na nosa lingua.
A empresa naceu o pasado ano con Virginia Woolf, autora da que produciron mesmcartone3o unha cunca de promoción, mais a idea viña acariñada desde tempo atrás. “Traballamos os dous no mundo editorial de Madrid e fixemos case de todo, en especial, tradución. Soñabamos entón crear a nosa propia editorial en galego e escoller o que queríamos traer á nosa lingua”, explica Celia Recarey, dunha editora que mantén tamén un blog arredor dos libros que publica.
Son conscientes de que o momento non é feliz para o mundo do libro mais confían en que a súa proposta consiga facerse un oco no panorama editorial galego. “A resposta está a ser boa. Á xente gústalle o que facemos e chama a atención polo que agardamos que, pouco a pouco, se traduza en vendas”, comentan. Polo de agora, os seus libros véndense a través da web e tamén en librarías nas que distribúen en man. (…)”