Entrevista a Andrea Maceiras en Diario de Pontevedra:
“(…) – Diario de Pontevedra (DP): Axudan estes premios a atopar as forzas para seguir escribindo?
– Andrea Maceiras (AM): Sen dúbida. Son unha dinamización do sistema en moitos sentidos diferentes. Unha das cuestións que quizais botemos máis de menos é a difusión e visibilización do noso traballo e, nese sentido, son moi importantes. Non só pola contía económica, que tamén está ben porque o oficio de escritor non sempre é fácil a nivel económico, ou noutro sentido, se non polo recoñecemento do traballo feito.
Tamén poden ser unha grande axuda á hora de publicar libros na actualidade que doutra forma sería máis complicado.
Sen dúbida, os galardóns que teñen como parte do premio a publicación son moi valorados polos escritores, alomenos polos que estamos comezando.
– DP: O director de Xerais, Manuel Bragado, falou da vosa como da ‘Xeración da Esperanza’ que está renovando a literatura galega actual. Que digan iso de un supón unha responsabilidade para continuar facendo as cousas ben?
– AM: Penso que que falen de nós como da ‘Xeración Esperanza’ ten máis que ver con que na literatura e na historia sempre é preciso facer categorizacións. Non o entendo como unha responsabilidade, se non como un feito. Algo está a xurdir e hai unha necesidade de darlle nome a unha xeración nova. É esperable que se busquen nomes e formas de sistematizar as xeracións existentes. Pasa en todos os sistemas literarios, enténdoo como algo natural. Tamén pola miña formación como filóloga quizais para min que se clasifiquen as xeracións é algo normal. (…)
– DP: Ata outubro non teremos a oportunidade de ler Europa Express, cóntenos un pouco sobre a obra.
– AM: A novela comeza cun mozo que chega a unha cidade de Noruega e alí merca unha postal na que descubre que saen el e o seu grupo de amigos que foran fotografados nese lugar dez anos antes. A partir de aí, a historia desenvólvese en torno a varios eixos. Novela de viaxes, de intriga, de amor e con distintas voces e saltos temporais que van conformando un relato que se parece ás pezas dun quebracabezas, que se vai arranxando a medida que avanza a trama. (…)
– DP: Todos os seus libros son para un público xuvenil, considera a opción de escribir para adultos?
– AM: Escribo literatura xuvenil por vocación e non sei o que farei no futuro. Supoño que si, que nalgún momento apetecerame escribir outras cousas, dirixirme a outro público ou explorar outros terreos. Pero, polo de agora, é un xénero que me gusta e me motiva moito porque ese contacto tan directo e máxico cos lectores dubido que exista co público adulto. Pero non descarto dar o salto á literatura doutro tipo, nunca se sabe. (…)”