Héctor Cajaraville, Andrea Maceiras e Érica Esmorís gañan o Premio Xerais de novela, o Jules Verne e o Merlín

NaCajaraville_Esmoris_Maceiras illa de San Simón, no concello de Redondela, o sábado, 6 de xuño, ditamináronse a XXXIIª edición do Premio Xerais de Novela, a VIIª edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil e a XXXª edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, todos os tres premios dotados con 10.000 euros cada un deles.
Esta festa literaria consistiu nun acto literario-musical, celebrado no Auditorio da illa de San Simón. Á velada asistiron arredor de tres centas persoas, entre os que se atopaban Valentín García, Secretario Xeral de Política Lingüística, en representación da Xunta de Galicia; Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG; Xosé Antonio Perozo, presidente de GALIX; Antón Pedreira, vicepresidente da Federación de Librarías de Galicia; ademais de escritores, editores, libreiros, críticos, bibliotecarios, profesores e colaboradores da editorial. O acto foi emitido en directo por Internet.
Celia Torres, coordinadora e presentadora dos premios, abriu a velada e deu paso a primeira intervención de Cé Orquestra Pantasma, que se ocupou do apartado musical do serán.
O escritor Miguel Vázquez Freire, como mantedor literario desta velada, comezou o seu discurso, titulado «Unha parábola verniana», lembrando o capítulo VIII da 2ª parte de Vinte mil leguas de viaxe baixo o mar, que leva por título «Na baía de Vigo», para dar pé despois a análise dunha serie de aporías relacionadas coa literatura dirixida á infancia e mocidade. Seguindo o fío da obra de Jules Verne, o mantedor abordou cuestións como a relación entre mito e logos, deténdose sobre o exceso de «sentimentalización» presente na tradición literaria galega; as relacións entre o real e fantástico, examinando o papel da ciencia ficción; o pesadelo benéfico presente nos contos populares, repasando as figuras simbólicas construídas na literatura infantil galega; as relacións entre a poesía e a prosa e, por último, entre as denominadas como literatura infantil e a literatura para adultos, lembrando que hai autores como Andersen, Lewis Carroll ou Collodi que acadaron, grazas aos seus contos infantís, o parnaso da gloria literaria.
Rematou Miguel Vazquez Freire abordando esoutra falsa aporía entre a imaxe e a palabra, «cando hai sereas neste mar asañado de moitas crises que nos asolan que están xa a cantar a morte do libro, e con el da novela, da poesía… da palabra», para reivindicar «o poder sempre vivo da palabra». «A literatura non é outra cousa ca palabra. Aí está todo. Gustariame sabelo dicir, ao xeito dos Exercicios de estilo de Raymond Queneau: son só palabras, son só palabras…»

O xurado da XXX edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros e no que concorreron 33 obras, formado por Alicia Borrás  (escritora), Dani Padrón (ilustrador), Daniel Landesa (escritor), Celia Pereira Porto (licenciada en dereito), Carmen Pereiro González (licenciada en Filoloxía Galega) e Helena Pérez Fernández (secretaria do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas as obras presentadas cos lemas «Aleteo Brisalinda», «Divina Sandamil», «Megumi» e «Onde só queda alguén para aguantar dos nomes».
Despois da súa última deliberación, acordou por maioría declarar como gañadora a obra presentada baixo o lema «Aleteo Brisalinda», que, despois de aberta a plica, resultou ser de Érica Esmorís e corresponde ao título Nena e o mar.
No seu ditame o xurado da XXXª edición do Premio Merlín de literatura infantil sinalou:
«Porto Balea é unha vila mariñeira na que todos os seus anciáns habitantes perderon a esperanza, tan só Otto, o último home novo da vila, segue a saír ao mar a diario mentres deixa a Nena, a súa filla e orfa de nai, ao coidado dos habitantes da vila acantilada. Mais un día Otto non regresa tras naufragar nos dominios das sereas. Nena loitará contra a desidia da súa veciñanza e con toda a forza de vontade, o empeño e a valentía que lle collen no seu corpo miúdo, emprenderá unha viaxe desesperada.
Nena e o mar é un relato redondo, unha aventura de esperanza e valentía na que o ritmo pausado deixa saborear todos os ingredientes dunha vila mariñeira envellecida, ancorada e sen capacidade de loita contra o destino que o abandono deixa. O poder de evocación é un dos principais argumentos dun texto que logra recrear unha paisaxe singular na que se mestura a decadencia coa esperanza posta nos ollos dunha cativa que logrará mudalo todo. Nena é unha nena valente, obstinada e que fai da forza de vontade unha bandeira coa que emprender unha perigosa aventura propia de calquera heroína, mais sen deixar de ser unha nena.
A construción das personaxes casa tamén con ese ritmo pausado, como de marea, que respira todo o libro. As súas historias imos completándoas pouco a pouco, devagar, coma o mar que deita as crebas nunha praia. O vello rosmón Umu, o mellor mariñeiro da vila, que segue a coidar de Anina, a súa longa traiñeira, mais que nunca a bota xa ao devalo. A enfermeira Hannah, quen viviu o amor de forma pura e libre e renunciou a el por temor ao desprezo da súa familia. A vella mestra da vila, Aya, quen asume cunha mestura de cariño e frustración o coidado de Nena, cariño pola cativa, á que ama, e frustración porque o tempo que con ela comparte é un recordo do tempo no que a escola fervía de vida. Ao longo de toda a narración subxacen unha serie de valores positivos, a tenacidade, a mencionada esperanza, a solidariedade, a valentía, a comunicación, o respecto. Non se trata dun discurso moralizante, os valores están nas xentes da vila, nas súas decisións, sen caer no politicamente correcto. Sen deixarse levar pola simpleza da dicotomía de bos e malos, asume sempre a autora esa escala de grises que calquera persoa ten e que enriquece fondamente o narrado.
Por último, trátase dunha historia cunha clara compoñente fílmica, onde as imaxes xogan un papel fundamental sen renunciar a acción e á aventura, aventura na que a evolución non se dá unicamente nos protagonistas, toda a vila muda dun modo coral. Nena e o mar consegue crear unha atmosfera única que configura un relato único e valente, repleto de personaxes que permanecen no recordo e de imaxes que constrúen unha historia realista, mais con espazo para o fantástico e sen renunciar á evocación como arma. Atopar relatos tan ben construídos é o soño de calquera xurado, e como ben se di no texto ‘non hai mentiras nos soños’.»
Érica Esmorís confesou que concibira Nena e o mar «como unha obra circular e coral na que existe un xusto equilibrio que permite o desenvolvemento do seu eixe principal, unha aventura temeraria e fantástica dunha nena que, embarcada nun pequeno bote, sae á busca do seu pai, preso na Illa das Sereas, e ao mesmo tempo permite profundar nas inconclusas historias de todos os vellos habitantes de Porto Balea.» «O punto de partida de Nena e o mar é un sentimento: a desesperanza ou os límites auto impostos. Eu encarnei este sentimento nunha vila e nuns anciáns que, cansos da vida, decidiron malgastar os seus días esperando ao esquecemento ou á morte e despois creei o contrapunto na súa protagonista, unha nena pequena, independente e valente, que cre que todo, absolutamente todo é posible.»

O xurado da VII edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil, dotado con 10.000 euros e no que concorreron 23 obras, formado por Anxos Rial Vidal (profesora e coordinadora dos clubs de lectura do IES de Poio), Xesús Pena Pérez (licenciado en química), Noemí Lage Redondo (alumna de 4º de maxisterio en Lugo), Itziar Fernández Sömme (alumna de 2º de Bacharelato no IES Castro Alobre de Vilagarcía), Nicolás Teixeiro Garrido (alumno de 4º da ESO no IES Terra de Turonio de Gondomar) e Xosé Manuel Moo Pedrosa (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas as obras presentadas cos lemas «Europa»,«Leaena Hiems» e «Violeta».
Despois da súa última deliberación, acordou por unanimidade declarar como gañadora a obra presentada baixo o lema «Europa», que, despois de aberta a plica, resultou ser de Andrea Maceiras e corresponde ao título Europa Express.
No seu ditame, o xurado da VIIª edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil sinalou o seguinte:
«Aroa, Xacobe, Nico, Beatriz, Óscar, Piero e Mía son un grupo de adolescentes que despois de rematar o Bacharelato deciden viaxar xuntos por Europa, de Noruega a Galicia, en interrail. Ao longo deste periplo descubrirán a vida en liberdade e a complexidade das relacións persoais, marcadas fundamentalmente polo carácter de Xacobe, un rapaz moi intelixente pero cunha infancia traumática no seo dunha familia desestruturada, quen acotío inquietará o resto de rapaces e rapazas coas súas profundas reflexións sobre a existencia e o seu estraño e cambiante comportamento.
Europa Express, a novela gañadora desta sétima edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil, arranca dez anos despois desta viaxe, cando Nico, por motivos laborais, regresa a Berguen, cidade norueguesa pola que pasaran naquel interrail. A súa afección a coleccionar postais revelaralle a Nico, de maneira fortuíta, certa información que provoca nel un cuestionamento da súa vida actual e a necesidade de resolver as dúbidas sobre a traxedia que os envolveu a todos e todas ao seu regreso da viaxe de tren. Malia as reticencias de Aroa a revolver no pasado, Nico logra contactar cos compañeiros e compañeiras de viaxe e organiza unha festa de reencontro a partir da cal irán aflorando todos os matices que permitirán aclarar as causas daquel fatídico acontecemento.
A novela, construída en base a unha arquitectura precisa, case palindrómica, na que só se lle concede a Xacobe a licenza de falar dende o pasado, está estruturada en tres grandes bloques nos que se van intercalando narracións en terceira persoa que transcorren dez anos antes con outras en primeira persoa, de cada un dos personaxes, no tempo presente.
Aínda que enfiada por Nico dende o seu comezo, Europa Express é unha novela que poderiamos denominar como «coral», onde todos os personaxes cobran voz propia e relevancia no devir dos acontecementos. A obra recrea á perfección a desorientación propia da adolescencia e a melancolía que acompaña, na madurez das persoas, a lembranza dos luminosos días de mocidade, dos días, como se evoca na propia novela citando a Wordsworth, de “esplendor na herba”.»
Andrea Maceiras declarou que «Europa Express é unha novela de intriga psicolóxica. Narrada cunha técnica multiperspectivista, a historia alterna lugares, personaxes e tempos narrativos no seu avance cara o descubrimento dunha verdade inexorábel, capaz de cambiar o rumbo das vidas dos seus protagonistas. A liberdade das viaxes, a identidade ou a procura do amor son algunhas das constantes deste relato que afonda na esencia da mocidade, tan efémera no tempo como perdurábel na memoria.»

O xurado da XXXII edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 10.000 euros e no que concorreron 34 obras, formado por Ángel Ramiro Paz «Cano» (libreiro), Anxo González Guerra (profesor xubilado), Sofía Tarela (música), María Costa Vázquez (editora), Alejandro Costas Gándara (programador) e Fran Alonso (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas as obras presentados cos lemas «Adiante sempre», «De remate» e «Pedra d’ Ostral».
Despois da súa última deliberación, acordou por maioría declarar como gañadora a presentada baixo o lema «De remate» que, despois de aberta a plica, resultou ser de Héctor Cajaraville e corresponde ao título De remate. Ademais da novela gañadora do Premio Xerais 2015, outra obra súa (Quen dá a quenda?) foi unha das tres finalistas no premio Merlín da mesma edición.
No seu ditame, o xurado da XXXIIª edición do Premio Xerais de Novela sinalou o seguinte:
«De remate é un libro de artigos do columnista Bieito Sanmarful que foi publicado postumamente. O libro, do que accedemos xa á terceira edición, está prologado no ano 2025 por Pablo Cardeiro, ex-director de Loaira. Durante tres anos, Bieito Sanmarful deitara as súas opinións nese xornal. E esas opinións retraban con humor e moita chispa a Galicia actual, afondando nela con ironía e orixinais xogos de palabras.
De remate é unha novela tremendamente singular no xeito de narrar. Está construída fragmentariamente a través das columnas de opinión de Bieito Sanmarful, dos textos pertencentes ao seu diario íntimo e dos correos electrónicos que el envía ou que recibe dos seus lectores e lectoras, moitas veces envoltos en polémica. A través das páxinas desta novela non asistimos só ao retrato sociolóxico da Galicia que habitamos senón que tamén imos descubrindo a propia vida e o itinerario persoal do protagonista, aflixido por unha doenza coa que se ve obrigado a convivir.
Estamos ante unha novela poliédrica, escrita con materiais de diversa fasquía, que compón un caleidoscopio literario do país e dos seus habitantes valéndose dunha amalgama de estilos metaliterarios cos que o propio autor comparte protagonismos. Coa lectura dos seus textos imos descubrindo un Bieito Sanmarful que se mostra, nos últimos anos de súa vida, como unha persoa fráxil e dependente, autoesixente, que nos aporta a súa visión nada dogmática sobre temas como o sexo, a política, o narcotráfico, o entroido, a lingua, a actualidade, a vida ou a morte.
De remate é unha novela entretida, divertida, ben escrita, que recrea con acerto e moita habilidade diferentes rexistros lingüísticos, incluídas diversas variantes dialectais que axudan a retratar os personaxes. Estamos, en definitiva, ante unha novela sólida, moderna, que convence, que engancha e que nos fai reedescubrir o gusto pola palabra.»
Héctor Cajaraville declarou que «De remate é calquera cousa menos unha novela convencional. De feito, haberá mesmo quen dubide da súa condición de novela, pois está conformada a partir dunha amálgama de textos (artigos xornalísticos, entradas nun diario persoal, correos electrónicos, anotacións en blogs, transcricións de entrevistas…) que, a modo de collage, compoñen os últimos anos da biografía do seu protagonista, Bieito Sanmarful. Deste xeito, a partir textos propios e alleos, o lector vai fornecéndose das pezas que lle permitirán dar forma aos últimos anos de vida de Sanmarful, afectado dunha enfermidade terminal que vai condicionar a súa relación coa súa profesión, coas persoas que o rodean, co mundo en xeral e, sobre todo, consigo mesmo.»
«Retallo a retallo o lector vai conformando o personaxe, a súa contorna, a súa historia pasada e presente… E, mesmo por riba diso, a relación entre Sanmarful e a creación literaria, verdadeira cerna da novela: cal é a razón que o leva a escribir sobre un determinado tema, como se enfronta á incerteza que supón facer público un texto, cales son as súas reflexións ante as opinións que recibe dos lectores sobre aquilo que escribe…»
«De remate é unha novela na que as palabras (coa súa forza evocadora, pero tamén cos seus matices, imprecisións, equívocos, xogos…), máis alá de meros vehículos ou soportes para dar forma a unha historia, se converten nas verdadeiras protagonistas da narración que elas mesmas axudan a construír.»”

Pechou o acto Manuel Bragado, director da editorial, que agradeceu a axuda proporcionada pola Consellaría de Cultura e Educación e Ámbito Cultural El Corte Inglés, entidades que apoiaron a celebración destes premios 2015. Agradeceu o traballo das persoas do xurado e parabenizou ás gañadoras e gañador ás que cualificou de membros da Xeración da Esperanza, que está renovando á literatura galega actual.