Desde Criticalia, de Armando Requeixo:
“Existe un lugar no mundo onde todo se derruba en lus, onde o Tempo desorballa os prados, as estrelas arden sobre o medo e o mal e treman as bágoas nos budios escuros. Existe esa xeografía escolleita por un anxo e salvada nalgún intre de amor desesperado. Existe e chámase os Vilares.
Esta terra trapaceira entretece fías de soños e palabras. Aquí o leite, o centeo e a lus da aurora nutren o berce dos poetas para que oian pacer canto hai. Por iso non causa estrañeza que no Vilariño, pé do río do Requeixo, medrase un neno capaz de domear a verba, de infundir co seu alento o drama cheo que as cousas precisan, darlles rostos pra que se conozan e palabras para que se entendan.
Ese reino de Terra Verde e Mar de Orballo é o que herdaron Mar Beres, Luz Campello, Xosé Antonio Cascudo, Fátima Fernández, Judiña de Lea e Jaki Quintela. Algúns por seren estas terras ou as contiguas as que coñeceron as súas andainas infantes e mozas, outros por radicar nestas landas a memoria do seu sangue, tamén a mandorla á que regresan sempre e mais despois.
Este sexteto non é unha xeración literaria, non precisa selo. Nin sequera é un colectivo formalmente constituído. É, iso si, un grupo que sente o vencello da terra, o urro telúrico do sangue dos devanceiros comúns, a lentor da chaira que lles agabea polo peito e os reclama para a tribo guitirica, poetas párracos, xente de ollada longa e largacío sentir, envisos nas lombas de Arxán cando o solpor oculta Lourenzo. (…)”