Xosé Antón Cascudo: “As personaxes de Mad Men encarnan moitos dos problemas que relatou Betty Friedan”

Entrevista de Laura Veiga a Xosé Antón Cascudo en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Como xurdiu A mística da feminidade en Mad Men?
– Xosé Antón Cascudo (XAC): Eu estaba interesado en estudar os cambios que se están producindo a todos os niveis no ámbito da ficción televisiva: relato, produción, distribución. Porque desde 2000 houbo unha eclosión de series paradigmáticas como Os Soprano, The Wire ou A dous metros baixo terra.
Fun afondando na historia de Mad Men porque me parecía unha obra moi complexa, con moitas capas, e na que se trataba un momento histórico que tamén me interesaba: os 60, a pegada da contracultura e os cambios a nivel musical ou cinematográfico. Tamén había outros aspectos que me resultaban rechamantes, como o uso da publicidade ou a construción de personaxes.
Paralelamente, comecei a ler A mística da feminidade de Betty Friedan por curiosidade, porque nunca o lera. As personaxes de Mad Men encarnaban dalgunha maneira, ou correspondíanse, con moitos dos problemas que Friedan relataba nesa obra. Eran problemáticas que estaban aí latentes para as súas concidadás estadounidenses e que se poñían de manifesto en case todas as figuras femininas de Mad Men.
– ND: Cal foi o proceso de construír o ensaio?
– XAC: Basicamente, meterme a fondo nas tramas, facer escaletados de capítulos da serie que me interesaban moito, relacionar unhas cousas con outras e analizar o enorme subtexto que hai. É unha serie que se constrúe moito polo poder da suxestión e da imaxinación; de feito, ten unha posta en escena que podería ser catalogada como exuberante. É moi interesante como nas tramas está habendo un proceso de cambio que case non é percibido polos ollos da persoa que ve as escenas, senón que está agochado por un deseño de produción moito máis evidente.
Outro aspecto interesante son as personalidades tan fortes que hai, por exemplo a de Don Draper, o protagonista, e foi un proceso de descuberta, de ver unha e outra vez a serie. Son arredor de 70 horas de metraxe, polo que unha única visualización son tres días da túa vida que estás dedicando a isto. Probabelmente eu fixen dúas visualizacións enteiras, de principio a fin, e logo bastantes máis de capítulos soltos e secuencias concretas que me interesaban. (…)”

Xosé Antón Cascudo Rodríguez gaña o Premio Ramón Piñeiro 2022

Desde Galaxia:
“A obra A mística da feminidade en Mad Men, de Xosé Antón Cascudo, resultou gañadora do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2022, que organizan conxuntamente o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades da Secretaría Xeral de Política Lingüísitca da Xunta de Galicia e a Editorial Galaxia co patrocinio de Caixa Rural Galega. A xuntanza do xurado realizouse na mañá do 26 de decembro, nas instalacións do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, en Santiago de Compostela.
O ensaio premiado nesta XXII edición do Premio Ramón Piñeiro, está dotado con 3.000 euros e ha ser publicado por Editorial Galaxia durante o próximo ano.
Compuxeron o xurado Rocío Carolo, Marcos Calveiro, María López Sández, Marta Neira e Armando Requeixo, que actuou como secretario con voz e con voto.
O xurado valorou en A mísitca da feminidade en Mad Men a súa aposta polo ensaio dende a análise semiótica do audiovisual máis icónico, no que se estuda a cuestión de xénero integrando na revisión o mellor das análises e do pensamento sobre o tema.
Escrito cun estilo ensaístico moi ben perfilado, posuidor dunha estrutura acaidamente arborada, A mística da feminidade en Mad Men achega, e anosa, unha proposta ensaística que conecta co máis destacado dos estudos internacionais neste ámbito, reflexionando sobre a construción do socioidentitario a través dunha das series máis recoñecidas e influíntes do noso tempo.
Así mesmo, o xurado salientou a variedade e o interese do conxunto de traballos presentados a concurso, o que amosa a vitalidade do xénero ensaístico en Galicia e espella a solidez da traxectoria deste certame, polo que levan apostando dende hai máis de dúas décadas a Editorial Galaxia e o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades da Secreatría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. (…)”

Vilagarcía: curso sobre ficción televisiva impartido por Xosé Antón Cascudo

O 22 de decembro, de 17:00 a 20:00 horas, e o sábado 30 de decembro, de 10:30 a 13:30 horas, no Auditorio de Vilagarcía de Arousa, Xosé Antón Cascudo impartirá o curso sobre ficción televisiva A vida en series, en dúas sesións (nas datas e horarios indicados). A actividade é organizada polo Cineclube Ádega. Este é o trailer realizado polo cineclube sobre a actividade e o resto da programación deste mes de decembro.

Lugo: masterclass sobre guión impartido por Xosé Antón Cascudo

Xosé Antón Cascudo Xosé Antón Cascudoimpartirá este venres día 6 de novembro unha masterclass sobre guión de ficción televisiva na Fundación Tic de Lugo (Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n,), de 17:00 a 20:00 horas, con entrada de balde.
Cascudo, que combina a escritura coa investigación -está realizando a súa tese de doutoramento sobre a serie Mad Men– ofrecerá unha visión panorámica sobre o fenómeno da ficción televisiva, que a pesar das mutacións propias da era dixital segue constituíndo o epicentro da industria do entretemento.
Na primeira parte da sesión incidirase nalgunhas das particularidades do guión de ficción concibido para o medio televisivo, como a serialidade, o papel da publicidade, a contaminación xenérica ou o carácter transnacional deste tipo de produtos.
Máis adiante Cascudo centrarase no oficio do guionista e nas ferramentas das que dispoñen para artellar o relato: o deseño de estruturas e personaxes, a elaboración de mapas de tramas, a importancia da documentación ou a interacción entre ficción e historia, sen esquecer outros aspectos como as dinámicas das canles e as estratexias de venta.

Manifesto da NPG, por Armando Requeixo

DesdeArmando Requeixo Criticalia, de Armando Requeixo:
“Existe un lugar no mundo onde todo se derruba en lus, onde o Tempo desorballa os prados, as estrelas arden sobre o medo e o mal e treman as bágoas nos budios escuros. Existe esa xeografía escolleita por un anxo e salvada nalgún intre de amor desesperado. Existe e chámase os Vilares.
Esta terra trapaceira entretece fías de soños e palabras. Aquí o leite, o centeo e a lus da aurora nutren o berce dos poetas para que oian pacer canto hai. Por iso non causa estrañeza que no Vilariño, pé do río do Requeixo, medrase un neno capaz de domear a verba, de infundir co seu alento o drama cheo que as cousas precisan, darlles rostos pra que se conozan e palabras para que se entendan.
Ese reino de Terra Verde e Mar de Orballo é o que herdaron Mar Beres, Luz Campello, Xosé Antonio Cascudo, Fátima Fernández, Judiña de Lea e Jaki Quintela. Algúns por seren estas terras ou as contiguas as que coñeceron as súas andainas infantes e mozas, outros por radicar nestas landas a memoria do seu sangue, tamén a mandorla á que regresan sempre e mais despois.
Este sexteto non é unha xeración literaria, non precisa selo. Nin sequera é un colectivo formalmente constituído. É, iso si, un grupo que sente o vencello da terra, o urro telúrico do sangue dos devanceiros comúns, a lentor da chaira que lles agabea polo peito e os reclama para a tribo guitirica, poetas párracos, xente de ollada longa e largacío sentir, envisos nas lombas de Arxán cando o solpor oculta Lourenzo. (…)”