Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Iria Collazo:
“1.– Principal trazo do seu carácter?
-A ansiedade, a obsesión, a compulsión.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
-A empatía e a bondade.
3.– Que agarda das súas amizades?
-Lealdade, comprensión.
4.– A súa principal eiva?
-A enfermidade que me enferruxa os ósos e o cerebro.
5.– A súa ocupación favorita?
-Pensar sobre o que escribo, o que escribín, o que me gustaría chegar a escribir.
6.– O seu ideal de felicidade?
-Conducir nun día solleiro coa música e o vento asubiándome nos oídos, sentindo que as persoas que amo tamén me aman a min.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
-A despersonalización sen cura.
8.– Que lle gustaría ser?
-O que son.
9.– En que país desexaría vivir?
-Nun onde estivesen as persoas que quero. E, só por un día, no reino de Fantasía.
10.– A súa cor favorita?
-Violeta, en todos os seus matices e significacións.
11.– A flor que máis lle gusta?
-As que rompen ao arrincalas porque non queren ser de ninguén máis ca de si mesmas, sobre todo as das maceiras e as cerdeiras.
12.– O paxaro que prefire?
-A curuxa.
13.– A súa devoción na prosa?
-A devoción implica para min un aquel de submisión que non me gusta, pero admiro a moitas e moitos, entre xs que ten un lugar especial o mestre Saramago.
14.– E na poesía?
-Apaixóname Manoel Antonio.
15.– Un libro?
-Un só non, por favor. Moitos.
16.– Un heroe de ficción?
-Tintín.
17.– Unha heroína?
-Mafalda.
18.– A súa música favorita?
-A música rock dos 80 e 90 (Dire Straits, Aerosmith, Queen, Rage Against the Machine, Green Day, Scorpions, Gun’s & Roses, Nirvana, Bon Jovi); a folk (Matto Congrio, Berrogüetto, Carlos Núñez, Mercedes Peón, Budiño, Luar na Lubre…); e tamén Zaz, Nina Simone, Silvio, Sés, Calle 13, Vetusta Morla… En fin, creo que era máis sinxelo dicir a que non me gusta: a pachanga repetitiva e as reversións bacaladeras que afogan bos temas.
19.– Na pintura?
-Frida Kahlo, Klimt, Munch, Dalí.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
-Miña nai.
21.– O seu nome favorito?
-Niara.
22.– Que hábito alleo non soporta?
-A crítica desapiadada derivada da envexa.
23.– O que máis odia?
-O maltrato aos seres indefensos.
24.– A figura histórica que máis despreza?
-Creo que o de figura histórica molaríalle demasiado e el non chegaría nin a espantallo, pero direi Hitler.
25.– Un feito militar que admire?
-A Revoluçāo dos Cravos.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
-Cantar marabillosamente ben.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
-Coa conciencia tranquila, sen manchar moito e sen molestar.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
-Esperando.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
-Os derivados da impulsividade e a inxenuidade.
30.– Un lema na súa vida?
-Lémbrate de respirar.”