“Finalista do Premio Nacional de Poesía, A Segunda Lingua (Premio Fundación Novacaixagalicia, 2014), a última entrega poética da compostelano-coruñesa Yolanda Castaño, quedaba recentemente ás portas do máis alto galardón do Estado. Logo de pasar oito de nove roldas de votación, na última delas o xurado decantábase por Luis Alberto de Cuenca, deixando a Castaño sen acrecentar o único nome galego que conta a historia deste recoñecemento poetico: Manuel Álvarez Torneiro no ano 2013.
A escritora estivo estes días no Canadá, facendo parte do XXXI Festival Internacional de Poesía de Trois-Rivières. A pesar de ser o máis lonxevo de Norteamérica e terceiro do mundo, este encontro mundial de autores nunca contara cun/a poeta de Galicia nas súas trinta anteriores edicións. Entre outros e outras participantes dos catro continentes, Castaño ofreceu máis de vinte recitais en galego e en tradución ao francés neste festival francófono que se celebra durante dez días de outubro cada ano no Quebec.”