Entrevista a Xosé Estévez na revista Palavra Comum:
“(…) – Palavra Comum (P): Que é para ti a história?
– Xosé Estévez (XE): Segue a gostarme a vella definición latina da historia coma “magistra vitae”, porque o acontecer no pasado ensina o camiño do presente e sinala o carreiro do porvir. Porén, tamén engadiría que o pensamento da historia integral, herdeira de Marc Bloch, ten que ser un estudo integral das sociedades, no que as infraestruturas básicas (demografía, economía, estrutura social..) sexan o eixo sobre o que se asentan as supestruturas ideolóxicas, políticas etc.
Tamén é importante para min comezar por estudar as comunidades que están máis preto, como é patria onde naciche ou onde te asentache. Non acredito nos cosmopolitas de salón, que enchen a boca proclamando a cidadanía universal. Normalmente un vai dende o máis próximo e despois vai ampliando horizontes e non ao contrario.
Ao remate, xa é un adaxio moi repetido que non se debe esquecer e os dirixentes actuais pásano por onde se cruzan os pantalóns: “O pobo que descoñece a súa historia, está condenado a repetila, adoito de xeito tráxico”.
– P: Qual consideras que é -ou deveria ser- a relação entre a história e as artes -e a repercusão que tem na vida quotidiana-?
– XE: Tódalas ciencias humanísticas (arte, filosofía, historia, etc.) forman un conxunto integral e integrador, sen o cal calquer persoa non pode entender o mundo interior e exterior que a arrodea. Hoxe existe unha excesiva especialización en todo. Nos vellos plans de Filosofía e Letras, que eran cinco anos, había dous cursos comúns, que daban unha visión global da cultura. Agora coas carreiras reducidas a asignaturas, son cuadrimestrais, e a especialización empeza en primeiro. A formación, polo tanto, é moi restrinxida e circunscrita a un tema moi concreto. Ademais, dáse unha política perfectamente deseñada para ir eliminando e desprestixiando as humanidades. Estas contribúen a amoblar a cabeza e facer xente reflexiva e crítica e isto non interesa ao Poder. Esta mentalidade inserida solapadamente non novos plans, como o Boloña, xa a denunciei hai moito tempo nun artigo que tivo certa resonancia. Como se ía cara unha privatización raposeira do ensino universitario, un desprestixio progresivo das humanidades e a pura adaptación do ensino ás necesidades do mercado, cando o ensino debe primeiro formar integralmente persoas e non máquinas para o mercado. Está acontecendo, e isto púideno comprobar nos últimos meus anos de ensinante, que as novas xeracións están moi informadas, pero pouco formadas; están moi tituladas, pero non tan preparadas.
– P: Quais são os teus referentes como historiador (desde todos os pontos de vista)? Deles, quais reivindicarias por serem insuficientemente reconhecidos a dia de hoje?
– XE: Teño moitos referentes, polos que sempre sentín admiración: Marc Bloch, Pierre Vilar, Josep Fontana, Paco Carballo. Ademais, tiven na Universidade Complutense algúns profesores que deixaron pegada en min: José Alcalá Zamora, María Victoria López Cordón, Javier Faci.. Porén, hai un persoeiro, que, aínda que non era historiador, senón máis ben poeta, provocou en min enorme interese polo estudo da historia, sobranceiramente, a galega. Foi Manuel María. Coñecía fondamente a historia de Galiza e explicábaa con un enorme entusiasmo. É moi importante coñecer ben a nosa historia e dala a coñecer con verdadeiro entusiasmo para que as novas xeracións amen o seu país, que por desgraza non coñecen dabondo. (…)”