Oiartzun: Homenaxe a Concha Murguía, 2020

Programa da Homenaxe a Concha Murguía en 2020:

– 6 de febreiro, ás 19:00 horas. Sala de plenos do Concello de Oiartzun.
Presentación do libro Las matxinadas en Euskal Herria (siglos XVI-XIX), a cargo de Xosé Estévez, autor da obra, e de Anjel Rekalde, sociólogo e director de Nabarralde, entidade editora.

– 7 de febreiro, ás 19:00 horas. Sala de plenos do Concello de Oiartzun:
Recital poético musicado, vasco-galego, de poemas de Gabriel Aresti, Manuel María e Antton Kazabon:
-Recitadores: Antton Kazabon e Xosé Estévez.
-Músicos: Edurne Saizar, piano.
Haizea Lekuona, frauta.
Oihane Mitxelena, acordeón.

8 de febreiro, ás 12:00 horas, na praza de Santo Estevo e na Sala de Falencias Manuel Lekuona da Casa de Cultura de Oiartzun:
Ofrenda floral e homenaxe a Concha Murguía Egaña, coas intervencións da Concelleira de Cultura, Dona Iosune Cousillas, e de D. Xosé Estévez, historiador.
Actuarán os txistularis Lartaun Txistulari Taldea, de Oiartzun, e o grupo de gaiteiros Trisquele da Casa de Galicia de Donostia.
Ao remate do acto os asistentes serán agasallados co galano dun gorenteiro refrixerio.

Institucións artelladoras: Excmo. Concello de Oiartzun e Fato Cultural Galego Daniel Castelao, de Pasaia.

Discurso de entrega e recepción da navalla de Manuel María, por Xosé Estévez

Desde Sermos Galiza:
“Cando oín por teléfono a voz clara e diáfana do “pregoeiro da luz”, Alfonso Blanco, co fin de comunicarme que fora elixido para entregarme a navalla do Manuel María e ingresar nesta enxebre confraría da Navalla, Santa Compaña e Alba de Gloria dos bos e xenerosos, sentinme moi honrado e orgulloso de pertencer á tribo chairega dos pacíficos navalleiros/as e a formar parte da nación dos galaicos. Pero, sobre todo, pois “de ben nacidos é ser agradecidos”, o meu corazón vibrou de inmensa gratitude. Gratitude, pois, para Alfonso, para a Irmandade Manuel María e para a Asociación Xermolos.
Quixera agradecer a presencia de bos amigos e amigas da Terra Cha, da Coruña, de Monforte, de Lugo, da Fonsagrada, de Quiroga, onde os viños son sedentarios e os bebedores nómades. Tamén os vidos doutros recantos deste noso País, que tanto precisa de verdadeiros patriotas, un sentimento de identidade, que vai con nós alí onde nos encontremos, pois “Galiza somos nós: a xente e máis a fala. Se buscas a Galiza en ti tes que atopala”. Os que fomos obrigados a sachar o barbeito da emigración fachendeamos sen complexos de ser galegos de nación, o que non nos impide abrirnos a solidariedade coa patria que nos doou pan, traballo, agarimo e familia.
Recordo tamén a todos e a todas as que gozaron deste santo grial navalleiro, as últimas, Moncho Valcarce, in memoriam, e a amiga Branca Rodríguez Pazos. Hoxe dela recibo esta credencial con lámina de Eneko, enfeitizada coa ferroviaria e  irónica presentación do bo amigo Paco Martín, a quen debo dicirlle que o profesor Lamote imparte tamén clases en Oiartzun nunha variante chairega do éuscaro. Afágame recibila na compaña de Xabier DoCampo. A Xabier dabondo cedo “lle petaron na porta pola noite”, pero coido que xa resolveu “o misterio das badaladas” e goza da casa da luz”, onde nos veremos na celestial memoria da chaira enteira. Todas/os participaron dalgún xeito desta liturxia de comuñón, rito irmanador de xantar en común unión con queixo, pan e viño. Prisciliano prefería leite e, aínda que son priscilianista confeso e malia que un galeno insensible prohibiume as bebidas inebriantes, non acredito nesta faciana, si noutras, do gran disidente do século IV, que procuraba a volta a un cristianismo evanxélico auténtico e afirmaba no crismón da Ermida: ”Aurum tibi vile est, argenti pondera caedant; melior est quod propia felicitate nites” (o ouro é vil para ti, abátase a prata. Mellor é o que brillas pola túa propia felicidade). E non serán resaibos priscilianistas o sol e a lúa, inseridos no mango da navalla de Consuelo Casanova, a quiroguesa, que deixou en herdanza ao seu neto, Manuel María? (A luz ressuscitada, 1984):
“Miña pequena, querida, preciosa navalliña
de marfil, prata, corno de cervo
e moi excelente aceiro cortador,
no lombo levas estas letras.C C.,
iniciais daquela miña avoa, chamada
Consuelo Casanova Neira, A Quiroguesa,
sombra esvaída na lembranza miña.
Tes gravada, no mango ben luído,
o sol e máis a lúa, símbolos
do mundo astral e da vida xenerosa,
que en nós latexa, corre, brinca e canta…”.
A navalla, que hoxe me entregades, pode servir para unha prosaica tarefa “in extrema necesitate”, a de calibrar a fondura do unto de algún desalmado, pero sobre todo ten unha función simbólica, transmitir os valores que Manuel María representaba: respecto, humor san e amable, trato cordial, coherencia, integridade, honestidade, xenerosidade, sobriedade franciscana, humanismo liberador, vitalismo contaxioso, acolledora hospitalidade, compromiso social e patriótico, comportamento ético, actitude de servizo, procura da unión e da concordia, nobreza de espírito, comprensión integradora, aprecio polo propio sen desprezo do alleo, aposta pola variedade, que é a riqueza do mundo, e coñecemento e amor inmenso polo País. Na casa da Saleta e do Manuel cumpríase o que di o frontispicio do pazo Arizmendi Enea de Oiartzun: “Hemen sartzen dana, bere etxean dago” (Todo o que entra eiquí, está na súa casa).
A navalla reparte anacos de emoción fraternal para compartir os alimentos naturais e espirituais, necesarios para a vida, unha vida compartida cos demais, que articule células de convivencia nos distintos chanzos da sociedade, coa finalidade de facer país, un país cada vez máis solidario, libre, xusto, soberano e orgulloso da súa identidade nacional. Hai que desterrar dunha vez por todas o complexo do colonizado e suprimir do noso vocabulario e das nosas actitudes dous refráns que circulan acotío e súan resignación e egoísmo por todos os poros da sociedade, sometida a un capitalismo consumista e individualista : “Éche o que hai” e “Cada un vai ó seu, menos eu que vou ao meu”. Non acreditemos no determinismo histórico. Temos azos para a revolta e para cambiar o sistema co noso libre albedrío. A única loita que se perde é a que se abandona.
Antes de nós houbo persoeiros que foron mestres e guieiros. Temos moitos espellos en que mirarnos, devanceiros que sementaron ideas e levaron unhas vidas exemplares. Uns ben próximos a este ritual e a estas terras, Avelino Pousa ou Díaz Castro, outros clásicos, fachos acesos sempre aos hai que volver, seguir, ler e reler: Manuel Murguía, Otero Pedrayo, Plácido Castro, os irmaos Villar Ponte, López Cuevillas, Paz Andrade, Vicente Risco, tamén Risco. E por suposto, Rosalía, Alexandre Bóveda, Castelao e Manuel María. Os catro últimos son os meus constantes referentes e Manuel María é a empática simbiose de todos eles.
Que máis vou dicir de Manuel María, neste décimo quinto aniversario do seu pasamento!! Foi o meirande amigo que tiven nesta vida, un verdadeiro irmao. Cantas veces lembro as viaxes por Galiza e por Euskal Herria, as estadías e conversas en Hernani, en Monforte, na casa familiar de Outeiro, en Quiroga, na Coruña. Sempre volvía ao torrón natal co cobizoso desexo dunha vizosa lectura, co corazón latexando de emoción patriótica, co espírito gozoso de amizade, co ánimo fornecido coa miña escolla vital e cos anaqueis da cabeciña debida e competentemente asentados no seu auténtico lugar. Na miña xa provecta existencia houbo tres fendas vitais, que deixaron maltreito o meu corazón: a morte do meu pai en 1987, a de Manuel María no 2004 e a da miña filla Alda no 2006.
Manuel María prologou un libro meu e dedicoulle á miña familia un libro enteiro, Sonetos ó Val de Quiroga, e varios poemas.  Son moi parcial deste.
SONETIÑO ó carballo que o noso amigo PEPE ESTEVEZ, quirogués e historiador, levou dende Carballido da Terra Cha a Oiartzun de Guipuzkoa, pra trasplantalo nun eido da súa pertenencia e da súa dona MARIBEL GOÑI”.
“Carballo de Carballido:
na Terra Cha tes nación
e levas no corazón
un puro amor trascendido!
Non deas nunca ó olvido
idioma, patria e canción
que o teu nativo torrón
queda, sen ti, dolorido!
Asume un novo destiño
plenamente. E sen espera:
faite luz, símbolo e siño!
Ti non eres un calquera:
dille en galego ó Pepiño
que che adeprenda o euskera!”
Manuel María. Abril do 1997. Ano de Anxel Fole”.
Hoxe o carballo é un rebolo mozo e bilingüe. Cando foxen os ventos do Xistral, nas ponlas e follas o cuco e o melriño cantan a dúo o carro e máis o txoria de Mikel Laboa.
Manuel María, como o malvís dunha canción vasca, perdeu a vida terreal, pero segue a cantar nas súas obras, co seu exemplo, co seu compromiso ético e estético e na memoria total dos amigos e amigas do País enteiro. Dende o alén remítenos unha lumiera de esperanza e unha nidia mensaxe: acadar en harmónica e fraternal xeira a emancipación nacional e social desta nosa Patria, que espero percorrer algún día liberada do Courel a Compostela, dende Quiroga á Guarda e dende Fisterra deica Outeiro de Rei para depositar na súa campa unha rosa e un caravel.
Moitas, moitísimas grazas por concederme iste enorme galano e por aturar con paciencia o sermón deste Frei Xerundio de Campazas, empoleirado no púlpito como predicador da novena a Santa Isabel, composta por Manuel María. Recomendaba o autor, o “devoto”, rezala con “unción e recollemento”. O propósito final do primeiro día sentencia:  “Seremos sempre fieles á nosa Terra e procuraremos coñecela e comprendela mellor para amala máis fondamente”. Que así sexa. Per saecula saeculorum. Amén.
Consello final a xeito de Manuel María: Portádevos mal que sodes novos e estades a tempo, pois o meu xa prescribiu. Ben sei que a xente, se se lle dá tempo, morre. Pero non teñades présa en realizar a viaxe final, pois non se vai no taxi do Coles, senón en coche fúnebre. E se a Parca teima coa gadaña, repoñédevos coma o vello agonizante do conto. Cando o crego lle recitou a oración final da extremaunción:”Sal alma cristiana de este cuerpo pecador para gozar en el cielo de las delicias del Creador...”, o vello espertou e dixo:”Alma, non lle fagas caso ao cura; quédate onde estás, que estás moi ben”.

Campa da Santa Isabel, Outeiro de Rei. Setembro de 2019″

Xosé Estévez: “Na Galiza houbo represión nacional, contra nacionalistas”

Entrevista de María Obelleiro a Xosé Estévez en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Que representa para vostede recibir o Premio Día da Galiza Mártir?
– Xosé Estévez (XE): Levei unha agradábel sorpresa, sobre todo por vir da man dunha fundación que leva o nome de Alexandre Bóveda, que para min é unha das figuras máis importantes do nacionalismo galego. Non pensei na miña vida que me fosen dar semellante agasallo, sobre todo porque eu teño traballado o Galeusca, a relación entre os nacionalismos galego, vasco e catalán; Castelao e a relación co nacionalismo vasco e o catalán; a soberanía de Galiza… De aquí en adiante, este agasallo suponme un compromiso firme á hora de recuperar figuras e de loitar a favor de que aquelas vítimas que foron silenciadas, esquecidas, fusiladas, paseadas… sexan recoñecidas e non estean no esquecemento.
– SG: Precisamente, na mesma cerimonia vanlle entregar o III Premio Manuel Murguía ao Mérito e Labor Historiográfico, concedido por Murguía, Revista Galega de Historia e o Instituto Galego de Historia.
– XE: Vou facer 74 anos, levo desde o 73 en Euskadi de profesor, escribín moito sobre temas galegos, vascos e cataláns e este premio non me caeu tanto de sorpresa porque é ao meu labor historiográfico, que é bastante amplo en temas de historia contemporánea e moderna.
Estou sumamente agradecido e emocionado cos dous premios, pois foron os agasallos máis inesperados da miña vida. Que se lembren de un despois de 47 anos fóra da patria produce unha satisfaccion enorme. (…)”

Premio Día da Galiza Mártir 2017 para Xosé Estévez

Desde a Fundación Alexandre Bóveda:
“(…) O presente ano 2017, a FAB acordou no seu Padroado recoñecer co XII Premio Galiza Mártir a Xosé Estévez Rodríguez (Quiroga, 1943), doutor en Historia, investigador de longa traxectoria e profesor honorario da Universidade de Deusto. Activista en favor da democracia e a soberanía de Galiza desde a década dos ’60 do pasado século XX e, desde a década dos ’70, autor de diversos estudos e obras sobre Castelao e o nacionalismo galego. Destacando a recuperación que realizou, desde a década dos ’80, da historia da “Triple Alianza” (1923) e do “Galeuzca” (de 1933 en diante), así como do exilio nacionalista. En todos os seus traballos Xosé Estévez ten reseñado o relevo político de Alexandre Bóveda, tanto no tempo republicano (en vida), como no exilio após da súa morte; tempo e espazo no que se daría lugar ao Día da Galiza Mártir, co gallo do aniversario do asasinato de Bóveda, desde o 17 de agosto de 1941. (…)
O xantar, no marco do que se fará entrega do XII Premio Galiza Mártir, desenvolverase por vez primeira ao carón do Parque da Memoria do Concello de Poio, cámara municipal que colabora anualmente, xunto ao Concello de Pontevedra, nos actos do 17 de agosto. Para asistir ao xantar e á entrega do XII Premio Galiza Mártir é preciso inscribirse a través da renovada páxina web www.alexandreboveda.gal. Galardón ao que suma o Instituto Galego de Historia e Murguía, Revista Galega de Historia, concedéndolle tamén a Xosé Estévez o III Premio Manuel Murguía ao Mérito e Labor Historiográfico, que será entregado á tarde no cemiterio de San Amaro, en Pontevedra, ao pé da tumba de Alexandre Bóveda e Amalia Álvarez Gallego.
Prema aquí para se inscribir no Xantar/XII Premio Galiza Mártir!!
* Se tiver calquera problema coa inscrición, escríbanos a: xantargalizamartir@alexandreboveda.gal”