As entidades de creadores e creadoras constitúen a plataforma Seguir creando

(A Coruña, 22 de xaneiro de 2016). Hoxe constituíuse a plataforma Seguir creando, coa reivindicación de que calquera profesional da creación poida seguir creando de forma remunerada despois da súa xubilación sen deixar de percibir unha pensión á que contribuíron durante a súa vida activa, algo que a lei prohibe desde o ano 2013.

CEDRO, SGAE, ACE, VEGAP e a AELC –entre outros– reuníronse esta mañá na sede da SGAE en Madrid para constituír a plataforma.  Estas organizacións consideran que esta medida é inxusta e está a causar “graves prexuízos” á cultura porque se nos está privando do talento dos creadores-as con máis experiencia. O obxectivo é equiparar a lexislación española á doutros países da Unión Europea, nos que xubilación e creación son actividades compatibles ao entender que a súa achega contribúe a enriquecer o acervo cultural dunha sociedade.

FOLLA DE RUTA

Na reunión fixouse tamén a folla de ruta para este 2016. As accións que levarán a cabo implican sumar outros sectores afectados, realizar actos públicos reivindicativos e manter encontros cos representantes dos principais partidos políticos para dar a coñecer as súas reivindicacións, principalmente.

Entre as medidas que se solicitará aos diversos interlocutores estarán, por orde de prioridade:

  1. Suspensión das inspeccións xa abertas e paralizar os actuais procesos postos en marcha polo Goberno contra algúns autores (escritores como Antonio Gamoneda, Javier Reverte ou José Manuel Caballero Bonald están afectados directamente por esta medida).
  2. Modificar a actual lexislación que regula a materia (RDL 5/2013, Regulamento IRPF, etc).
  3. Deseño dunha nova normativa máis ambiciosa que recolla as necesidades especiais dos profesionais da creación, que teña en conta a especificidade do sector salvagardando os seus dereitos.
  4. Difusión en redes sociais coa etiqueta #seguircreando

Con esta liña de traballo, os creadores de Seguir creando perseguen que esa devolución que a sociedade lles outorga, tras seren eles quen achegaran tanto durante a súa vida activa, non se interrompa por cumprir unha idade. O obxectivo, por tanto, é permitir a quen desexe seguir enriquecendo o noso mundo coa súa creatividade que poida facelo de forma digna.

Ampliar información

Ler o MANIFESTO Polo dereito a seguir creando.

ENTIDADES ASINANTES

Visual Entidade de Xestión de Artistas Plásticos (VEGAP); Sociedade Xeral de Autores e Editores (SGAE); Asociación Colexial de Escritores de España (ACE); Plataforma en Defensa da Cultura; Centro Español de Dereitos Reprográficos (CEDRO); Federación de Músicos Asociados (FEMA); Foro de Asociacións de Guionistas de Audiovisual (FAGA); Asociación estatal de compositores para o audiovisual. (MUSIMAGEN); Asociación de Autores Literarios de Medios Audiovisuais (ALMA); Federación de Compañías de Danza (FECED); Xunta de Autores de Música (JAM); Asociación de Grupos de Música Antiga (GEMA); Associació d’Escriptors en llengua  catalá (AELC); Asociación de Autores Científico-Técnicos e Académicos (ACTA); Asociación de Tradutores, Correctores e Intérpretes de Lingua Vasca (EIZIE); Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG). Euskal Idazleen Elkartea (EIE).

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) estivo representada por CEDRO (Centro Español de Derechos Reprográficos)