Entrevista a Marcos Calveiro en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): O traballo de documentación [Fontán] foi esencial…
– Marcos Calveiro (MC): Hai unha gran parte de documentación histórica, sobre o tempo que viviu el, porque percorre un século extraordinario en Galicia, como é o XIX, a loita contra os franceses, a represión liberal, a loita do absolutismo contra a modernización do país… Pero tamén hai moito de ficción na novela, porque toda a parte da súa infancia e da súa adolescencia saíu da miña cabeza… (…)
– LVG: ¿É un xeito de reivindicar a figura de Domingo Fontán?
– MC: Si, porque está esquecido. Todo o mundo se lembra que no Panteón de Galegos Ilustres están Rosalía e Castelao, pero alí tamén está Fontán. É o único científico que está o lado de literatos. Si que moita parte da cultura galega, durante moito tempo, tivo o mapa de Fontán como un elemento totémico, pero hoxe é un personaxe esquecido. A novela é para reivindicar a súa figura histórica e o papel da ciencia non só del, senón outros compañeiros científicos del e mestres del no século XIX.
– LVG: Escribe tamén novela infantil e xuvenil, ¿cambia moito?
– MC: O rexistro infantil si que é diferente, pero o xuvenil, non fago ningunha distinción. A primeira idea da novela era un retrato da infancia de Fontán e da súa adolescencia. O que me chamaba a atención era onde nace a vocación científica dun rapaz dunha pequena parroquia de Portas. Logo tanto me marabillou a personaxe e a súa idade adulta que tiven que meter todo. Cando me poño a escribir unha novela tampouco teño moita idea se vai ser para o público infantil, xuvenil ou adolescente. Decídoo o remate da mesma dependendo da extensión e a complexidade. Esta novela pódea ler un adolescente sen problema. É unha pequena aventura científica e un anaco da historia do noso país. (…)”