Cuestionario Proust: Henrique Rabuñal

DesdeHenrique Rabuñal o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Henrique Rabuñal:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
-Téñome por inquieto, activista, atento a (case) todo.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
-A lealdade e a humildade.
3.– Que agarda das súas amizades?
-Que me amen sen desmaio. Máis no erro ca no acerto.
4.– A súa principal eiva?
-Facer unha ducia de cousas a un tempo (e non necesariamente ben).
5.– A súa ocupación favorita?
-Escribir/Ler.
6.– O seu ideal de felicidade?
-A miña felicidade -se existir- depende da que gocen as persoas que máis quero.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
-Perder. Perder aos que máis quero. Perder a ilusión. Claudicar.
8.– Que lle gustaría ser?
-Algo moi parecido ao que son, con máis tempo e con menos fracasos.
9.– En que país desexaría vivir?
-Amo o meu país pero fáltame unha boa temporada noutro en Europa ou na América do Sur.
10.– A súa cor favorita?
-O vermello da paixón, o vermello da ilusión.
11.– A flor que máis lle gusta?
-Algunha das modalidades da rosa.
12.– O paxaro que prefire?
-Un popular e amical: o merlo.
13.– A súa devoción na prosa?
-Algún dos excelentes narradores latinoamericanos, García Márquez é moitas veces excepcional.
14.– E na poesía?
-Tantas persoas. Cunqueiro emocióname como poucos.
15.– Un libro?
Percival e outras historias ocupa un lugar sobranceiro na miña primixenia experiencia lectora.
16.– Un heroe de ficción?
-Algunha das versións do mago Merlín.
17.– Unha heroína?
-Algunha das versións de Ofelia, poño por caso.
18.– A súa música favorita?
-A bossa-nova brasileira.
19.– Na pintura?
-Por dicir un nome: Picasso, inmenso, grandioso e ademais algo coruñés e galego.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
-As e os anónimos que nos entregaron o mellor de si. Comezando polos máis próximos.
21.– O seu nome favorito?
-Dubidaría entre Marcos e Henrique.
22.– Que hábito alleo non soporta?
-A soberbia nalgunha das súas patéticas aparicións.
23.– O que máis odia?
-A impostura.
24.– A figura histórica que máis despreza?
-Aquelas que fixeron recuar a humanidade na viaxe á igualdade e dignidade das persoas.
25.– Un feito militar que admire?
-Admiro moito as conquistas da sociedade civil e os heroes e heroínas sen galóns militares.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
-A paciencia.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
-Estou encontrando unha resposta convincente.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
-Dispoñibilidade. Para vivir.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
-Os propios da condición humana que non invadan a liberdade allea.
30.– Un lema na súa vida?
-Anda o teu camiño. Escribe o teu verso.”