Marcos Calveiro: “Fontán fixo en 1834, sen case medios, o que sería o mellor mapa de Galicia en 150 anos”

EntrevistaMarcos Calveiro 2 a Marcos Calveiro en La Opinión:
“(…) – La Opinión (LO): A novela [Fontán] percorre toda a vida de Domingo Fontán?
– Marcos Calveiro (MC): É unha visión panorámica da súa vida, desde o nacemento ata a morte. En parte está ficcionalizada, pois non hai datos da súa infancia e adolescencia. Unha das cousas que máis me interesaba é como nace a vocación de ser científico nun neno dunha aldeíña de Portas (Pontevedra). Relaciónoo con dous penedos de granito moi grandes con forma de globo terráqueo que están preto de onde naceu. El quere medir esas pedras xigantescas que había ao lado da súa casa e acaba medindo Galicia e trasladándoa a un mapa. (…)
– LO: O mapa aparece mencionado nas obras de Castelao, Cunqueiro e Otero Pedrayo.
– MC: Si, o mapa de Fontán funciona como elemento simbólico de toda a xeración Nós. Aínda que Fontán está esquecido na cultura galega, o seu mapa era un elemento simbólico moi importante, como o himno ou a bandeira. E el está enterrado no Panteón de Galegos Ilustres.
– LO: Cre que está esquecido?
– MC: Non deixa de ser un científico. Hoxe preguntas na rúa por Rosalía de Castro ou Castelao e todo o mundo te di algo; preguntas por Fontán? Parece que a cultura dun país a constrúen unicamente os escritores, os poetas, pero a achega de Fontán co mapa é fundamental.
– LO: Parécelle inxusto?
– MC: Evidentemente si. A partir da ciencia tamén se constrúen os países e as culturas. Ten unha linguaxe máis inintelixible que a pintura, a música ou a arte, pero debería ter un papel social máis relevante e recoñecido. A maioría dos científicos novos do noso país, por desgraza, teñen que buscarse a vida fóra..
– LO: Cal foi o seu labor político?
– MC: Formou parte das primeiras Deputacións de Galicia, participou na división territorial en provincias e partidos xudiciais e foi reprimido en moitísimas ocasións por ser liberal, un home de progreso en contra do antigo réxime. Botárono da cátedra e quedaba sen dar clases nin cobrar, ata que o liberalismo volvía ao poder ou se abría a man. Outros compañeiros sufriron perigo físico e tiveron que exiliarse. (…)”