A páxina web da AELG superou os 24 millóns de visitas

UNHA WEB AO SERVIZO DA NOSA ESCRITA

OsAELG Logo 1-2015 datos de que dispomos constatan un crecemento progresivo (superáronse os 10 millóns de visitas en febreiro de 2012, os 15 millóns a finais de 2014 e os 20 millóns a fins de 2015) desde a súa creación en 2003.

Para nós, a web é unha casa aberta á espera de recibir convidadas e convidados a calquera hora, pois temos sempre dispoñible este espazo para fecundar o coñecemento e a paixón pola nosa escrita. Aquí tedes un pequeno roteiro:

No Centro de Documentación pode accederse aos materiais xerados polos escritores e escritoras, así como á súa actividade social; a Fototeca permite axudar á súa visibilización; a Videoteca achéganos a presenza audiovisual, con lectura das obras e entrevistas ás autoras e autores; a Literatura na rede conéctanos cos seus outros espazos persoais en internet, ao tempo que podemos coñecer a información sobre os premios literarios de interese e achegármonos tamén ás obras editadas pola propia AELG.

Se queredes coñecer mellor a asociación, aquí explicamos que é, como asociarse e os servizos que prestamos. Tedes tamén información sobre as nosas actividades, os manifestos e comunicados e, entre outras cousas, a nosa repercusión nos medios.

Para alén do anterior, podedes visitar e dar uso ao Espazo Didáctico, as actividades da Escola de Escritoras/es, a sección do Territorio do/a Escritor/a, o espazo de Palabra Audiovisual, o universo da Sección de Literatura de Tradición Oral ou o traballo de recuperación das Palabras con Memoria, entre outros apartados da web.

As seccións máis visitadas até agora son, por orde, o Centro de Documentación, dentro da que destaca nomeadamente a Fototeca, seguidas pola dedicada aos Roteiros Literarios no Territorio do/a Escritor/a, e a continuación a sección de Escritores/as do mes.

Desde 2005, data en que se puxo en marcha o Centro de Documentación e foi desenvolto un entorno de administración para o mantemento e xestión dos seus contidos, así como o Espazo Didáctico, a páxina recomezou a súa andaina tal e como a coñecemos hoxe, enriquecéndose progresivamente con diversas actualizacións e novos contidos. Para 2016 o esforzo centrarase na ampliación da sección “Fototeca”, para convertela noutra de maior entidade, “Arquivo fotográfico dos/as escritores/as”, que permita xunguir os contidos existentes na web, tanto na propia Fototeca como nas respectivas galerías fotográficas das actividades da AELG. Esta nova plataforma permitirá a socios/as e visitantes da web, ao estilo do que se fai nunha rede social como Facebook, subir e etiquetar fotos relativas ao sistema literario galego, contando cun sistema de administración que permita revisar os contidos achegados antes de se faceren públicos.

Na AELG parabenizámonos por terse convertido xa a páxina web nunha ferramenta central para o coñecemento e divulgación da literatura galega entre todas aquelas persoas e entidades que manifestan interese polas nosas letras, ás que agradecemos as visitas que lle dan vitalidade e un uso crecente deste espazo, razón fundamental da súa creación e mantemento. E, evidentemente, convidamos a toda a cidadanía a coñecer máis e mellor a creatividade cultural que enriquece, desde a nosa lingua, o desenvolvemento individual e colectivo, mostrando a capacidade de indagación e reflexión sobre o existente e, ao tempo, dándolle corpo á imaxinación para iluminarmos o futuro desde a escrita.