A Coruña: visita guiada á exposición Saúde e Terra, irmá(n)s!, por Pepe Barro, o martes 28 de xuño

O Saúde e Tmartes 28 de xuño, ás 19:30 horas, Pepe Barro creador do proxecto, deseño e coordinación da exposición Saúde e Terra, irmá(n)s!, realizará para a A. C. Alexandre Bóveda unha visita guiada. A exposición organizada pola Deputación da Coruña, a Real Academia Galega e o Museo do Pobo Galego para conmemorar o centenario das Irmandades da Fala está aberta na Fundación Barrié da Coruña até o 30 de xuño.
O percorrido expositivo relata a historia das Irmandades a través de publicacións, documentos, imaxes e obxectos, así como gravacións musicais e discursos e artigos de persoeiros da época. Pódese contemplar ademais unha escolma de pezas artísticas vencelladas a acción das Irmandades e dalgúns dos artistas máis relevantes daquel tempo.
A través de dez espazos, faise un achegamento á orixe do movemento e á súa evolución, desde a acción centrada en primeiro lugar na normalización do idioma ata a intervención política e os seus principais protagonistas.
Saúde e Terra, irmá(n)s! dá ademais visibilidade á participación das mulleres nas Irmandades da Fala, que apostaron desde o primeiro momento pola “igualdade absoluta, política e civil da muller e do home”.
Se desexas vir a esa visita guiada debes anotarte no correo acab@mundo-r.com ou chamando por tfno ao 981200869 (de 19:00 a 21:00 h.) antes do vindeiro xoves 23 de xuño.