Entrevista a Estíbaliz Espinosa na Sega:
“(…) – A Sega (S): Cando escribes se tes fill@s? De onde sacas o tempo?
– Estíbaliz Espinosa (EE): Teño un fillo e outro facéndome dunas no ventre neste momento. Chego cansa ás noites, cando máis ideas anoto. Escribo sobre todo polas mañás, aproveitando cole. Cando era bebé, nas sestas, nos intres nos que aprendía a xogar só. O do tempo… é un malabarismo, realmente, porque a textura social non é cómoda para un labor de introversión e concentración combinado con ser nai [non digamos xa ser nai soa]. Máis aínda dende que a literatura semella un zoco de extroversión, viaxes e relacións públicas.
Gustaríame ver máis bebés e nenas en obradoiros, feiras, residencias artísticas, xiras, recitais… Pero a mensaxe social tácita é: se tes fillxs, ocúpate ti deles, non mos impoñas e mos fagas sufrir a min. Ten a súa lóxica, vaia, pero os espazos de creación ou divulgación non contemplan nenxs. Isto vese tanto en lugares como unidades de investigación ou postos de dirección como en traballos subalternos por conta allea… Cantos dispoñen de garderías ou espazos para cativxs?
Son esenciais movementos como o child-free ou sen-nenos para as mulleres. É revolucionariamente honesto ter claro que non sempre queremos fillxs, marabilloso sermos por fin quen! Orabén, tamén creo honesto -e ás veces revolucionario- querer telos contra todo. Porén nalgúns campos profesionais, valórase á muller que mimetiza mellor o estilo de vida clásico masculino: sen fillos [ou sen fillos á vista, ao coidado doutras/os]. Presenzar o coidado dos nenos é molesto e presupón ben que a muller é instintiva, elemental, ben que ha ser tenra e amorosa tamén no que escribe. E aí si xa me poño radioactiva…
Adoro ver as fotos de Marie Curie no laboratorio, entre os seus tubos fosforescentes de uranio e as dúas fillas. A Clarice Lispector mutando a literatura en portugués coa máquina de escribir nos xeonllos para atender mellor, dicía, aos seus pequenos. A potencia intelectual e a maternidade xuntas. Claro que é posíbel. Claro que é probábel! (…)
– S: Escribes para mulleres, sobre “temas de mulleres” ou a crítica falou da túa obra como “literatura feminina”?
– EE: Non penso só en mulleres cando escribo, penso en unidades de carbono, en homo sapiens e noutro tipo de seres vivos, deste planeta ou de exoplanetas remotos. Interpor esa distancia foi para min sempre necesario. E un alivio.
Unha forma de escepticismo, de abraio cara ao descoñecido. Enfoco as humanidades e nas ciencias [naturais e sociais] como unha soa cultura. Aí tamén vexo enerxía escura. (…)”