A AELG realiza unha xornada sobre Literatura Dramática e Teatro Nacional

Desdebannerixornadalitdramaelg2016 Sermos Galiza
“A sección de Literatura Dramática da AELG nace coa vontade de poñer fin á situación anómala que vive a literatura dramática dentro campo cultural galego, sendo “un xénero sen apenas publicacións e case inexistente nos nosos estudos académicos”, comenta para Sermos Galiza Afonso Becerra, vogal de Literatura Dramática da asociación e profesor na Escola Superior de Arte Dramática de Galiza. Este feito deixa ver “unha eiva grande da literatura e cultura galegas”, engade. Trátase dun xénero que goza de prestixio noutras literaturas, representado por figuras imprescindíbeis como Shakespeare, Lorca ou o galego Valle-Inclán. E é que “non se pode estudar nin entender a literatura española sen considerar Luces de Bohemia ou La casa de Bernanda Alba”, aliás na Galiza esta situación de total descoñecemento da literatura dramática “denota que temos un sistema literario e cultural anómalo”. Unha situación cando menos preocupante dun xénero que se move entre o teatro e a literatura.
A I Xornada Literatura Dramática e Teatro Nacional, baixo coordinación de Afonso Becerra, érguese como “un espazo onde realizar unha análise e partillar coñecementos sobre literatura dramática galega”, un encontro idóneo para poñer sobre a mesa a situación actual deste xénero en Galiza e “sacar algunha acción que nós poidamos levar adiante porque eu non creo que as institucións nos vaian a quitar as castañas do lume”.
Desde a organización propoñen un par de actividades, dous encontros abertos para todas as persoas interesadas, desde as dramaturgas e dramaturgos, estudosos das artes escénicas contemporáneas e tamén para calquera persoa con inquedanzas artísticas e culturais. O interesante destas xornadas é que teñen non só un valor simbólico, “mais tamén de utilidade, deseñadas cunha clara orientación de proveito, laboral incluso, para que sexa rendíbel na nosa realidade cultural, e este é un pouco o obxectivo”. (…)”