Desde a Real Academia Galega (foto da RAG):
“O Pleno da Real Academia Galega, na sesión que celebrou o sábado 5 de novembro, elixiu académica numeraria a María Xesús Pato Díaz. A candidatura da escritora ourensá, coñecida como Chus Pato, fora oficializada no Pleno anterior para ocupar a vacante de Xosé Fernández Ferreiro, falecido o pasado 16 de decembro. Na mesma xuntanza de hoxe tamén foi elixido académico correspondente Clodio González Pérez.
Chus Pato (Ourense, 1955) conta cunha frutífera traxectoria poética e artística na que, sen esquecer un arraigado compromiso ético coa condición feminina e co país, desenvolve unha voz renovadora, rupturista cos modelos tradicionais. A súa é unha das voces poéticas máis vangardistas e persoais da literatura contemporánea desde os anos 80 do século pasado, recoñecida tanto en Galicia como alén das nosas fronteiras. (…)
No mesmo Pleno foi elixido ademais novo académico correspondente Clodio González Pérez (Cenlle – Ourense, 1947). Docente de formación, compaxinou este labor cunha fecunda actividade investigadora e divulgadora no campo da historia e da etnografía, recollida en numerosos artigos e libros e recoñecida desde hai tempo con numerosos premios. (…)”