Compostela: Letras Galegas no Gaiás | Antonio Fraguas

Desde a Cidade da Cultura:
“A Cidade da Cultura súmase cada 17 de maio á celebración das Letras Galegas, este ano dedicadas a Antonio Fraguas, figura que tamén ten a súa homenaxe e festexo neste gran día no Gaiás, para pór en valor o seu labor como investigador e valedor da nosa cultura popular.
Antonio Fraguas foi director e presidente do Museo do Pobo Galego, institución que prestou unha importante colaboración para a configuración da exposición sobre artesanía galega Pensar coas mans. Cestería, cerámica e xoiería en Galicia, que pode verse no Museo Centro Gaiás ata o 8 de setembro.
Así, ao longo do 17 de maio e para celebrar o Día das letras Galegas dedicado a Antonio Fraguas, na Cidade da Cultura organizamos:
– Unhas visitas comentadas moi especiais á exposición Pensar coas mans, nas que destacaremos a súa figura e o seu labor ao fronte do Museo do Pobo Galego, a partir das pezas prestadas para esta mostra artística.
– E, seguindo co bo recibimento e participación acadada pola actividade iniciada o ano pasado no 17 de maio, as persoas que se acheguen ao Museo Centro Gaiás poderán sumarse á lectura participativa, na que contaremos cunha escolma de textos destacados da súa obra.
A persoa que realizou a escolma de textos, á proposta do Museo do pobo Galego, é Clodio González Pérez, etnógrafo, historiador, membro correspondente da Real Academia Galega (RAG) e persoa vencellada ao MPG e de ampla traxectoria humanista no sector cultural.
Esta lectura compartida é un xeito inclusivo, dinámico e participativo de achegar e promocionar a creación de Antonio Fraguas a todas as persoas interesadas, e tamén a aquelas que non coñecían de todo a súa importante tarefa para recompilar, conservar e pór en valor o patrimonio de raíz galego. Ademais, a vosa participación irase compartindo nas redes sociais da Cidade da Cultura de Galicia: Facebook, Twitter e Instagram.
Animádevos a participar e festexar con nós e deste xeito tan activo as nosas Letras Galegas!”

Noia: presentación de Noia e Muros. Paisaxes urbanas de séculos I. Dende as orixes ata o ao 1950, de Pedro García Vidal