Desde Fervenzas Literarias:
“O compostelán Pazo de Raxoi acolleu hoxe o acto de entrega dos Premios Manuel Beiras de recoñecemento ao uso do galego no ámbito empresarial. Entre as tres categorías premiadas a editorial Alvarellos recolleu a distinción especial do Premio pola súa importante contribución cultural durante case catro décadas e incorporar as novas xeracións. O xurado do premio valorou tamén o seu vínculo coa capital do país e a calidade das súas producións, mantidas e impulsadas con iniciativas que achegan o libro á poboación lectora e que saben pescudar no pasado para convertelo en coñecemento útil e interesante no presente.
Estes premios están convocados conxuntamente pola Cámara de Comercio e o Concello de Santiago e teñen como obxectivo o de recoñecer o esforzo que realizan as empresas de Compostela no proceso de facer normal o uso da lingua propia de Galicia. As outras dúas empresas premiadas foron Nanube, na categoría de uso continuado do galego; e Miranda Priestly na categoría de nova incorporación ao galego.”