Cuestionario Proust: Carlos Labraña

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Carlos Labraña:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
– Son moi, moi indeciso.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– Unha cousa ben difícil de atopar hoxe en día, a coherencia.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Nada, así todo o que me dan agradézollo moito.
4.– A súa principal eiva?
– Son unha persoa un chisco obsesiva, gústame abondo a orde na miña vida.
5.– A súa ocupación favorita?
– Ler, cando atopo un libro que tira de min.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Un día sen problemas.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– A dor dun ser querido.
8.– Que lle gustaría ser?
– Unha nube, para aboiar no ceo e deixarme levar polo vento.
9.– En que país desexaría vivir?
– Nun país no que non houbese dor e sufrimento. Pero como ese lugar non existe, quedo co noso.
10.– A súa cor favorita?
– A cor azul.
11.– A flor que máis lle gusta?
– As margaridas silvestres.
12.– O paxaro que prefire?
– A aguia.
13.– A súa devoción na prosa?
– Albert Camus.
14.– E na poesía?
– Fernando Pessoa.
15.– E no teatro?
– Shakespeare, Chéjov…
15.– Un libro?
O principiño.
16.– Un heroe de ficción?
– Atreiu, da Historia Infinda.
17.– Unha heroína?
– Pippi Långstrump.
18.– A súa música favorita?
– Guadi Galego, que ademais é da miña terra, Cedeira.
19.– Na pintura?
– Por exemplo, as prazas baleiras de xente de De Chirico.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Miña nai, que nos deixou este Nadal, despois de traballar toda a vida para a súa familia.
21.– O seu nome favorito?
– Ximaraos, un lugar dunha parroquia de Cedeira.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A impuntualidade. Aínda que agora xa o vou levando cun pouco máis de paciencia.
23.– O que máis odia?
– A inxustiza.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Francisco Franco, non podo esquecer que eu nacín nunha ditadura.
25.– Un feito militar que admire?
– Ningún. Eu nin sequera fixen o servizo militar, daquela obrigatorio.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Saber bailar ben.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Durmindo, sen molestar a ninguén.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Cando era máis novo eu sempre estaba ledo e ría moito, pero cada vez preocúpome máis por todo.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Aqueles que proveñen da debilidade de carácter.
30.– Un lema na súa vida?
– Na procura dos soños atoparás a liberdade.”