O xornal Galicia hoxe publica na súa edición do sábado unha entrevista con Xosé Luís Méndez Ferrín, que hoxe será elixido presidente da Real Academia Galega:
P: A RAG conta xa con máis de cen anos. Queda algunha áncora do pasado que haxa que soltar?
R: Non, non. Non queremos soltar amarra ningunha! (ri) Estamos precisamente moi ben amarrados á memoria histórica e aos obxectivos fundacionais da Academia, que pasan pola plenitude da lingua e da cultura galega. O que pasa é que cada época ten as súas necesidades e hai que darlles resposta: no caso da Academia, toca dalas no plano da lingua e no plano da cultura galegas.
P: Pois no plano da lingua xa deu a súa resposta: un suspenso rotundo ás bases do decreto. Cal é a postura persoal de Méndez Ferrín respecto do borrador?
R: A título persoal, eu coincido con todos os puntos da Academia, igual que a totalidade dos académicos. Foi aprobado xa non só por unanimidade, senón por aclamación (subliña esta última palabra).
P: Con que termo definiría ese borrador?
R: Creo que algún académico dixo “trapallada”… (ri) É algo así. É unha cousa que non ten solidez, que ten moitos defectos, non é satisfactorio para ninguén que queira defender o idioma e que queira frear o seu proceso de desaparición e descomposición. Así se viu nos apoios que recibiu a resposta da Academia.
[Ler entrevista completa]