Artigo de Armando Requeixo en Criticalia:
“O costume de adornar as tumbas e os monumentos fúnebres ten a súa orixe no Antigo Exipto. De aí pasou a Grecia e Roma, onde as inscricións que se facían nas lápidas mortuorias cobraron relevo como un subtipo especial de elexía ou poema de lamento ao que se chamou epitafio.
Como non podía ser doutra maneira, moitos dos grandes escritores da Historia quixeron ser creativos ata no último alento, polo que deixaron ideados enxeñosos ou sentidos epitafios que hoxe adornan os seus sepulcros. (…)
Consecuentemente, entre os escritores desta terra non faltan tampouco exemplos de epitafios de interese. Son abondo coñecidos os de dous autores mindonienses: Manuel Leiras Pulpeiro e Álvaro Cunqueiro. Na campa do primeiro insculpiuse: “Amou a Verdade e practicou o Ben”. Non podía acaerlle mellor ningunha outra sentenza a quen foi en vida masón, republicano, anticlerical e esperantista. Da súa parte, na tumba do autor do Merlín e familia ―quen o próximo 28 de febreiro estará de cabodano― figuran estas palabras: “Eiquí xaz alguén que coa súa obra fixo que Galicia durase mil primaveras máis”. Abofé que o seu legado ha perdurar ese tempo e outro tanto.
Non quero rematar sen amentar outros tres exemplos ben notorios. O primeiro deles é o de Celso Emilio Ferreiro, que repousa no camposanto de Celanova con estes versos seus derriba do lastra: “Mais o lume que alampea/ xamais o veredes morto”. Toda unha declaración de esperanza. Unha enerxía que virou furia de vida no poema que Lois Pereiro titulou, precisamente, “Poderíano escoller como epitafio” e que di: “Cuspídeme enriba cando pasedes/ por diante do lugar no que eu repouse/ enviándome unha húmida mensaxe/ de vida e de furia necesaria”. Os dous últimos versos son os que hoxe acompañan a súa pedra en Santa Cristina do Viso (O Incio). Finalmente, se houber que coroar un escritor galego como o príncipe do epitafio satírico para si, penso que se tería en Xosé Ramón Fernández Oxea ‘Ben-Cho-Shey’ un candidato forte. O texto que figura na súa tumba no camposanto de San Francisco dío todo: “Gran Cruz de Montealegre, colector de Barallete, Preboste do Tangaraño. Ten o gusto de lles ofrecer aos seus amigos o seu novo domicilio no cumio do cimiterio de Ourense, onde os agardará ata que o boten de alí os ediles de turno. A súa dona e a súa filla préganlle encomenden a Deus a súa ánima. Nota: Quedan suprimidas tódalas homenaxes postmortem porque as cousas ou se fan ao seu tempo ou non se fan”.