Entrevista a Antón Riveiro Coello na Real Academia Galega:
“(…) – Real Academia Galega (RAG): Que características pensa que definen mellor o legado de Carlos Casares?
– Carlos Casares (CC): O seu legado creativo é fantástico. Como escritor, era versátil, e del pódense destacar moitos aspectos, o principal era a súa individualidade, que el defendía, afastándose de grupos como o da Nova Narrativa onde estaban outros escritores como Méndez Ferrín, Mourullo ou María Xosé Queizán, máis decantados por unha liña de ton simbólico e experimental. Carlos gustaba de desmitificar o escritor e rexeitaba o elitismo hermético. Apostou claramente polo realismo. E a oralidade é un aspecto crucial na súa literatura, chea de naturalidade e dunha atmosfera coloquial. Carlos foi quen de trasladar toda esa frescura e espontaneidade da narración oral ao relato máis culto, é dicir, escolleu o realismo e vestiuno coas técnicas narrativas máis anovadoras do século XX.
Outra característica importante de Carlos é que escribe na procura dun público amplo e popular, talvez arrimándose á mesma preocupación de Cesare Pavese que non era outra que abrir a posibilidade de facer accesible a cultura a todas as capas sociais, unha cultura con raíces no pobo. “O contacto cos lectores para min debe ser sempre condición esencial á literatura”, dicía Carlos. E era doado crelo porque a luminosa transparencia da súa prosa ía nesa procura de chegar ao lector. Unha depuración impecable, onde el mesmo rexeitaba a presenza do escritor e teimaba na idea de que o estilo non se debe notar. E, certamente, el acadábao coa súa prosa, aparentemente sinxela, sempre ao dispor da historia que contaba.
Outra particularidade do Carlos escritor sería esa reivindicación da inocencia, desa ollada infantil que bota sobre o mundo e que está presente na meirande parte da súa obra. Carlos no fondo era un neno grande, que quería seguir contemplando todo coa ollada da infancia. Salientar tamén o seu talento natural para ese humor que funciona como curación e contrapunto para a violencia e os conflitos. (…)
– RAG: Que pegada coida que deixou na cultura galega?
– ARV: Poucas persoas concitaban tanto cariño e admiración en todos os eidos da sociedade como acontecía con Carlos. E ese respecto serviulle para atraer á causa galega persoas que, de primeiras, estaban en contra ou desconfiaban dela. Carlos, como home de altura que era, aceptou as teses de Ramón Piñeiro e tocou poder con fórmulas conciliadoras que axudaron a establecer puntos de encontro con sectores que estaban nos antípodas do que el pretendía. Non se puxo á contra, senón que mesmo emprestou a súa figura para a institución cultural do país. Sen el é imposible comprender todo o que se conseguiu. De feito, co paso do tempo e as circunstancias actuais, o seu valor non deixa de medrar na ausencia. Estou seguro de que, se vivise, tratariamos de buscar nel unha resposta para a situación cultural tan alarmante en que nos atopamos neste intre. (…)”