Desde A Sega:
“Estes días estamos asistindo a un curioso proceso que por desgraza é tan repetitivo como o paxaro que come o millo cando se sementa. O proceso consiste no apoio masivo a unha campaña que reclama máis mulleres nas letras galegas e que acaba de ser acollido con entusiasmo por institucións, medios e cidadanía. Esta campaña non é posible sen o traballo previo das feministas que empezaron coa Festa da Palabra Silenciada, María Xosé Queizán á cabeza, hai xa décadas, que seguiron con diferentes reivindicacións como O Xogo das Cadeiras para que houbese máis mulleres na Real Academia e que chegan ao Día das Galegas nas Letras. Mais, curiosamente, a campaña iniciada non menciona nin recoñece este traballo feito, simplemente capitaliza do sementado e sachado.
Ante esta situación, non podemos evitar erguernos coma as espantallos que indican co seu dedo de pau o feito reiterativo de como unha idea é recoñecida cando a expresan homes ou colectivos que non se inscriben no traballo e discurso dos feminismos de forma explícita. Sentimos a obriga da espantallo de sermos incómodas, de lembrar quen plantou, quen sementou, quen sachou, quen estrumou. Porque desvincular as reivindicacións e logros da súa historia é o que fomenta a desvinculación cos feminismos e, polo tanto, a súa estigmatización permanente, con todo o que isto significa para as mulleres e para o social (por exemplo, -sorpresa!- a falla de recoñecemento dos logros das mulleres en formatos como o Día das Letras Galegas).
Por todo isto hoxe nos eriximos, como as espantallos que somos, proxectando a nosa longa sombra colectiva sobre o campo todo para advertir do perigo deste proceso e de que, si, obviamente queremos que se lle dedique o Día das Letras Galegas a mulleres, pero nos preguntamos onde estaban todas estas institucións e voces nas décadas anteriores ou, sen ir máis lonxe, cando se nos tratou como tolas nos debates que houbo ao redor da figura de Filgueira Valverde ou outros momentos semellantes por dicir que tales disquisicións eran irrelevantes fronte ao feito de se recoñecer a CINCUENTA E CINCO homes fronte TRES mulleres.
Contra o vento, as espantallos erguémonos, festeiras e coloridas, para reclamar que
– Se reforme a campaña iniciada de xeito que se recoñeza a orixe feminista da reivindicación.
– Se traballe coas plataformas existentes (A Sega, a Marcha Mundial, Nós Mesmas, Álbum de mulleres do Consello da Cultura Galega…), entendendo que “traballar con” non se traduce en mandarnos un correo para que apoiemos o que nós mesmas levamos décadas reivindicando, senón integrándose no traballo feito polas nosas iniciativas.
Entrementres, como boas e afanadas espantallos, seguiremos na leira, como CADA ANO reivindicando que a Real Academia Galega ten unha débeda coas mulleres que leva moito atraso en facer efectiva. Non é esta unha débeda estética, senón ética e que como tal debe tratarse, visibilizando aspectos de fondo como os que as espantallos reivindicamos neste manifesto. E no noso traballo todas as mans son benvidas.”