Entrevista a Antonio Reigosa en Bolboretas no bandullo:
“(…) – Bolboretas no bandullo (B): Antonio Reigosa representa o respecto e o amor pola cultura popular galega ao que se leva dedicando toda a súa vida. De onde vén este apego á nosa tradición?
– Antonio Reigosa (AR): Supoño que esa querenza nace, como tantas cousas, na infancia. Mesmo, incluso, da necesidade de comprender eses dous mundos sempre en conflito: o chamado culto e o popular, substrato este último sobre o que se constrúen ou recrean novas formas culturais.
– B: Nas investigacións feitas ao longo de tantos anos imaxinamos que será clave o contacto directo con xeracións que testemuñen ou recorden certas lendas ou contos. Como é a achega a estas persoas para tirarmos proveito dos seus recordos, das súas experiencias, da súa imaxinación?
– AR: Precisamos dese alento que nos dá a tradición e a literatura que se transmite oralmente. Cambian os temas, mesmo a forma de dicilos ou de cantalos pero sempre precisaremos narrar o que sabemos para auto-recoñecernos. Todas as xeracións intentamos, seguramente inconscientemente, perpetuarnos e as sociedades usan tradicionalmente as lendas, os mitos, cantos e contos para testemuñar ese seu pasar polo mundo. Un saber que é a memoria decantada de moitos séculos. (…)
– B: Seguindo coas lendas, cal cres ti que é a que mellor representa o espírito místico e de imaxinación da Galiza? E cal a túa figura popular favorita?
– AR: Non hai, non pode haber, unha soa lenda que acumule por si soa ese espírito representativo, como non hai un só sentir á hora de narralas ou de escoitalas. Aínda que formemos parte dun sistema cultural bastante uniforme cadaquén, desde as nosas experiencias e crenzas, interpretamos os relatos de forma diferente. Hai que se apaixona co lendario relixioso cristianizado, e quen o fai cos relatos que sobreviven do que a igrexa oficial chama mundo pagán. Por exemplo, lendario do mar e o de terra son diferentes, como o son os referidos a xacementos arqueolóxicos da prehistoria se os comparamos co relacionado con construcións medievais ou coa natureza. Eu creo que cada lugar xeográfico ou imaxinario con referencia lendaria é un centro singular, único, do noso universo cultural, unha especie de santuario. E como personaxe referencial eu diría que o é a Moura, as mouras, a vella deusa que se manifesta como deusa do mundo pagán ou transformada en santa ou virxe cristiá. Un sincretismo perfectamente coherente, capaz de que, sen que o personaxe Moura perda a súa identidade, se adapte aos novos modelos de poder.
– B: Ao noso ver, como docentes, o proveito didáctico da fantasía e mitoloxía é inmenso e debe integrarse nas aulas. Como ves a actitude das novas xeracións cara ao corpus popular galego?
– AR: Creo que podería ser moi útil achegar o coñecemento da nosa mitoloxía popular ás xeracións máis novas. Sería útil para que entendesen, comparándoa con outras mitoloxía populares, que todos entendemos este pasar pola vida de forma idéntica. Que hai unha cultura popular universal, que atende ás preocupacións básicos dos humanos, sexan de onde sexan: de onde vimos, que facemos e que nos agarda despois da morte. E tamén sería moi útil para que entendesen que esa mitoloxía forma parte de todo o que nos rodea, desde a toponimia ata o que chamamos Máis Alá. Claro que esa actitude precisa de propostas didácticas concretas, de interese por parte do profesorado e de amor compartido polo que nos identifica no máis íntimo: o afán de transcender como colectividade cultural. (…)”