As Polafías son un proxecto da Sección de Literatura de Tradición Oral da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), coordinado polo vogal de Literatura de Tradición Oral, Antonio Reigosa, e que conta coa colaboración de diversas asociacións e co patrocinio de institucións públicas. A primeira das 33 Polafías que se desenvolveron neste período de dez anos por todo o país tivo lugar o 16 de novembro de 2007 na Serra de Outes.
A palabra Polafía é un neoloxismo referido ás reunións ou veladas de carácter festivo con contidos literarios e musicais, e ten como obxectivo primordial o de poñer en valor e rescatar do esquecemento o valioso patrimonio oral, literario e musical.
O termo Polafía quere reunir no seu significado o mellor dos diferentes matices e acepcións de vellas palabras (polavilas, fías, fiadas, fiandóns, seráns,…) con semellantes contidos. A principal diferenza, en canto ao desenvolvemento, daquelas xuntanzas de antigo co desta nova proposta é que agora podemos, e debemos, axudarnos das novas tecnoloxías, desde os aparellos de gravación, que favorecen o arquivo e estudo do recompilado, ata o uso de novas tecnoloxías, caso de internet, que poden contribuír a unha ampla difusión deste patrimonio. Todos estes contidos están recollidos aquí.
O formato das Polafías require a presenza dun mantedor, divulgador ou especialista que introducirá e comentará as principais características das pezas e xéneros literarios amosados, dun recitador de poesía anónima ou de autor de feitío popular; dun músico/a, que interpretará romances, coplas ou cantares de raiceiras tradicionais. Sen embargo, o elemento humano transcendental e imprescindible no desenvolvemento de cada Polafía constitúeno os homes e mulleres, narradores/as, cantadores/as, romanceadores/as… etc, veciñas e veciños de cada lugar onde se desenvolve a Polafía, pois eles e elas son os auténticos protagonistas, os que xenerosamente transmiten o seu saber.
As Polafías e os Premios “Mestras e Mestres da Memoria”
A iniciativa Premios “Mestras-es da Memoria” -un recoñecemento que se concede anualmente a dous informantes de literatura popular por toda unha vida de dedicación exemplar á transmisión oral de saberes e valores da nosa cultura popular tradicional- xurdiu naturalmente do proxecto Polafías, pois considerouse que, ademais de recoller e poñer a disposición da sociedade esa sabedoría das persoas informantes, e seguindo as recomendacións da UNESCO, o alicerce básico sobre o que construírmos sentimentos de identidade pasa por identificar e recoñecer publicamente aqueles homes e mulleres que posúen en grao sumo os coñecementos e técnicas precisas para interpretaren ou recrearen determinados elementos do noso Patrimonio Cultural Inmaterial.
Así, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) a través da súa Sección de Literatura de Tradición Oral, vén organizando desde o ano 2013 a Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria, para recoñecer esas persoas como tesouros humanos vivos, homes e mulleres que estiveron atentos para recibir dos seus predecesores a herdanza cultural, que logo reciclan e recrean, adaptándoa e actualizándoa con xenerosidade para, por fin, transmitiren todos eses saberes herdados aos que veñen detrás.
En 2013 foi recoñecido o labor de Manuela Cortizo Medal (Manuela de Barro ou Manuela das Marianas), que reside en Cerdedo, e de Ángel Rivas Veiga, da Pontenova; en 2014 destacouse o traballo de Elba Requeijo, de Abadín, e Xavier Blanco, de Moaña, por toda unha vida de dedicación exemplar á transmisión oral de saberes e valores da nosa cultura popular tradicional; polas mesmas razóns e xa en 2015 foron considerados Mestra e Mestre da Memoria Josefa Arias Castelo, de Vilalba, e Emilio Pérez Álvarez, “Emilio do Pando”, do concello da Fonsagrada, igual que a Dolores Macías Pose e Mini e Mero en 2016. En 2017 outorgouse este recoñecemento ás Pandeireteiras da Alén, Beariz (Orosia e Alsira Gil Ramos e Ólida Diz Ramos) e a Serafín Mourelle Bugallo, da Coruña.
As Polafías en cifras
Ao longo destes dez anos as 33 Polafías permitiron conseguir un total de 776 vídeos, que suman un conxunto de 40 horas de gravación a 248 informantes e divulgadores/as, e a 39 grupos de música ou teatro.
O número de visualizacións que alcanzaron eses vídeos é xa de 709.000, o que supón unha media de máis de 900 visualizacións por vídeo.
A estes datos habería que engadir os contidos gravados en entrevistas realizadas na propia casa das Mestras e Mestres da Memoria, o caso de Ángel Rivas Veiga, Elba Requeijo Barro, Emilio do Pando, Josefa Arias Castelo, Dolores Macías Pose e Serafín Mourelle Bugallo, de modo que se suman deste xeito outros 124 vídeos (para un total de 900) e outras 5 horas de gravacións catalogadas e transcritas (para un conxunto de 45 horas).
O proceso de catalogación de todos eses contidos deu como resultado un total de 70 xéneros, de entre os que destacan pola súa cantidade os relativos a poesía, historia oral, contos, romances, lendas, coplas, pezas musicais, poesía popular, muiñeiras, memoria oral, xotas e regueifas.
As Polafías e o ensino
Todo este traballo de recoñecemento e divulgación da literatura de tradición oral reforzouse en 2015 coa creación de dúas unidades didácticas para a Educación Secundaria Obrigatoria (ESO), A literatura popular nas Polafías, da autoría de Xosé Manuel Varela Varela e Patrimonio vivo: Mestras e Mestres da Memoria elaborada por Antonio Reigosa.
O texto continúa aquí.