Alberto Ramos: “O que mantén os coidados é o sentido da responsabilidade, pois a outra opción é desertar, e que se saiba”

Entrevista de Montse Dopico a Alberto Ramos en Praza:
“(…) – Praza (P): Cada capítulo leva o nome dunha besta. E o libro [A simetría das bestas] está cheo de bestas. Por exemplo, un mozo violador. Non se sabe quen é o máis besta…
– Alberto Ramos (AR): Eu penso que a maior das bestas é Caridad Verdet, unha besta que nos fala, coma ningunha outra, de integración, adaptación e supervivencia nun medio hostil. Porque, dada a súa condición natural, ten que enfrontarse desde o minuto un da súa vida coa integración, co mito da integración, que é un mito coma o do minotauro, pero peor contado… (…)
– P: Caridad é escritora e séntese, nalgún momento, coma unha estafadora. Unha embusteira. Unha crítica di, ademais, con acerto, que as súas personaxes femininas sempre están en segundo plano. Ela admite iso, como carencia na súa escrita e na súa vida. Nesta reflexión de Caridad parece que está a autocrítica do escritor… Tamén hai unha reflexión dela que é unha crítica á crítica e ao xornalismo cultural.
– AR: A ver, eu agardo que calquera persoa que fai algo teña algún momento de dúbida, de pensar que se cadra o que fai é unha impostora, como pensa Caridad Verdet. Iso lémbrame un soño recorrente meu. A min nunca se me deron ben os idiomas. Soño que non vou a clase de inglés, que fago o exame fatal, e que cos anos descóbrenme e quítanme o título do instituto, da carreira… E isto xa o soñaba antes do de Cristina Cifuentes.
Caridad sente unha inseguridade constante, que encaixa coa que senten escritores, artistas… E si hai tamén o que dis, de crítica á crítica literaria e, en especial, ao xornalismo cultural. Tamén estaba en Sebastian Nell: o difícil que é diferenciar a información cultural da promoción. Por exemplo, esta entrevista é información? (…)
– P: Sebastian Nell tiña a súa complexidade porque era unha longa entrevista entre unha xornalista e un actor. En canto a técnica narrativa, este libro é menos lineal, ten máis voltas atrás e adiante…
– AR: Desde o punto de vista da temporalidade é unha historia máis complexa. Pero, sobre todo, é porque non é un libro de acción, senón de reflexión. A escolla é esa. Hai accións que acontecen ou se contan antes ou despois, con flashbacks… pero o máis importante é a reflexión. O xurado dixo que era un libro filosófico e eu non diría tanto, pero si é un libro reflexivo. Mais tampouco creo que sexa moi interesante falar de como está escrito o libro… (…)”