Arancha Nogueira: “Estou facendo unha lectura militante, na que apoio a arte creada por mulleres”

Entrevista a Arancha Nogueira en Lecturafilia:
“(…) – Lecturafilia (L): Por que escribir poesía?
– Arancha Nogueira (AN): E por que non? É unha pregunta complicada, xa que polo menos no meu caso, a escolla da voz poética como a miña voz non foi algo totalmente consciente. Comecei escribindo relatos, na infancia e adolescencia, e pouco a pouco fun pasando á poesía porque me parecía que era o xeito máis honesto de expresar o meu discurso. De todos xeitos, xa falando desde a opinión, penso que a poesía é unha forma de expresión brutal (no sentido máis literal da palabra): en moi pouco, un bo poema pode remover moito. É como un trebón que te deixa no sitio. Nunca deixarei de admirar esa capacidade da poesía, que penso comparten, por exemplo, certos tipos de música. Por suposto, outros xéneros teñen outras características e conseguen outras cousas nas lectoras (ou polo menos en min). Pero non podo evitar que a poesía sexa o meu predilecto por esa capacidade de abrir en canle a quen a le. (…)
– L: Cal é o xermolo do poemario O único lugar onde ficar inmóbil?
– AN: O xermolo deste poemario foi, realmente unha desilusión tremenda con practicamente todo: comecei a escribir os poemas que agora conforman o único lugar onde ficar inmóbil nun momento duro na miña vida: de depresión, de incertidume e de soidade, e continuei escribindo sobre iso a medida que pasaba o tempo, a pesar de atoparme mellor, xa que estes últimos anos, a nivel social, foron tamén un enorme foco de desilusión. Iso tamén me axudou a comprender que ese estado de desesperanza non era só meu, senón algo compartido. Se ben comezou como unha decepción profunda por unha perda emocional, pronto esta se universalizou (se podo definilo así) como unha decepción xeral, con respecto ao que acontece ao noso redor, a como avanza o mundo, a este capitalismo e patriarcado salvaxes que nos oprimen, nos silencian, nos deprimen, nos angustian. E que están en todas partes, irredentos. Por iso penso que é un poemario moi deste momento, moi xeracional, se podemos definilo así. (…)
– L: Como ves o panorama poético a nivel mundial e galego? Cres que as novas voces farán que a poesía chegue a máis persoas?
– AN: A verdade é que vexo o panorama poético excelente, non tanto a nivel de visibilización como de produción. No caso galego, creo que a pesar de tratarse dun sistema literario minoritario e periférico, a situación da poesía é marabillosa. A produción é grande, estanse a facer moitas cousas que eu cualificaría como vangarda poética e que me interesan moitísimo e ademais penso que as novas poetas mulleres galegas teñen unha calidade excepcional. Vivimos tamén nun momento no que estas novas poetas se entrecruzan con aquelas que levan escribindo desde mediados do século pasado, e esa intersección paréceme tamén moi interesante. Mágoa que moitas desas persoas que están a día de hoxe producindo moito e moi interesante non cheguen aos circuítos das grandes editoras, que publican basicamente os mesmos nomes e que silencian a unha parte da poesía galega actual que eu considero moi válida (e aí entra o tema da visibilización). Porén, tamén me interesan as estratexias de representación que se empregan alén do circuíto editorial, que á fin é un negocio: desde o mundo do fanzine á autoedición, a aposta por editoras pequenas (como é o meu caso), a poesía oral, a performance… Moitas das autoras que nomeei anteriormente nesta entrevista utilizan estes medios para espallar a súa obra, e penso que tamén a súa existencia fai que a poesía se estenda para alén do reducido público tradicionalmente lector de poesía. Polo tanto, si, penso que as novas voces están facendo moitísimo polo rexurdimento da poesía e por desencaixala do seu nicho, o cal sempre é favorábel (nada peor que facer sempre o que se fixo sempre). (…)”