Artigo en La Voz de Galicia sobre A simetría das bestas de Alberto Ramos:
“A enfermidade terminal que lle é diagnosticada a Caridad Verdet é o pano de fondo que dá lugar á reflexión en A simetría das bestas (Urco Editora), a última novela do escritor Alberto Ramos, que presentou na Feira do Libro da Coruña. A obra trata, segundo indica Ramos, «da integración, do trauma e sobre todo de Caridad Verdet, a protagonista, que é a maior das bestas, non por fealdade, senón pola necesidade de adaptarse a un medio hostil para sobrevivir». Esta protagonista é unha persoa que, como explica o escritor, «nace cunha sabotaxe da natureza, que é unha malformación que salta á vista, e chegado o momento da súa vida adulta recibe outra sabotaxe, que é o diagnóstico dunha enfermidade terminal».
Esa doenza que pon a morte na vida desta personaxe é o detonante que utiliza Ramos para «falar de todo o demais», e que fai que Caridad Verdet reflexione sobre «as pantasmas do pasado, sobre o que quedou pendente e non se fixo, xa que ao final non nos damos de conta de falar da vida ata que empezamos a falar da morte, xusto cando vemos que o tempo se acaba e que sempre estivemos na vida». Dentro desas reflexións sobre o pasado hai espazo para o encaixe dunha persoa imperfecta e diferente -neste caso a protagonista- no mundo no que lle tocou vivir. Sobre isto, o escritor indica que Verdet repite moitas veces na novela que «a integración é un mito como o do Minotauro, pero peor contado». O simbolismo tamén ten lugar en A simetría das bestas, xa que cada capítulo está titulado con algo relacionado co mundo animal, dende a medusa ata o rinoceronte, o que ten moito que ver «cos mecanismos de defensa que teñen os animais para adaptarse ao medio hostil», explica o escritor, «que tamén é algo que utilizan os humanos para sobrevivir ao darwinismo social». (…)”