Bertamiráns: Escola de Escritoræs. Obradoiro de creación literaria “Mastervers. Petiscos poéticos”, con Carlos Negro

O Obradoiro de creación literaria Mastervers. Petiscos poéticos, impartido por Carlos Negro, é unha iniciativa da Escola de Escritoras-es da AELG, co patrocinio do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames.

Obradoiro de versos para mentes creativas que desexan poñer en xogo a imaxinación e a intuición, usando unha multitude de ingredientes da nosa hora literaria.
Sempre coa mirada aberta e o oído delicado, poñendo o mundo ao revés.

Calendario e inscrición

– Días: sábados 10, 17 e 24 de novembro; e sábado 1 de decembro.
– Horarios: de 11:30 a 13:30 h.
– 20 prazas para persoas maiores de 15 anos (número mínimo de asistentes: 10).
– Inscrición, necesaria e gratuíta, en normalizacion@concellodeames.gal, indicando os seguintes datos:
  • Nome e apelidos
  • Idade
  • Teléfono

As prazas asignaranse por orde de solicitude.

O obradoiro desenvolverase no Pazo da Peregrina de Bertamiráns (Avenida da Peregrina, 16 –como chegar-).

O obradoiro enmárcase na Escola de Escritoras e Escritores da AELG, iniciativa que centra os seus esforzos en impartir, por concellos de todo o país, obradoiros con formatos e destinatarios diversos, nos que se abordan diferentes xéneros literarios e contidos. Trátase dunha iniciativa que, cos autores/as como guías, ten o obxectivo de transmitir a experiencia apaixonante do acto creador, tentando concienciar á sociedade do imprescindíbel que é a estimulación creativa na escrita e o seu papel complementario na formación do individuo. O proxecto aposta por ofrecer á mocidade un sistema lingüístico, literario e cultural propio no que asentar as súas raíces.