O sexto sentido, espectáculo poético-musical con Eva Veiga

O sexto sentido, espectáculo poético-musical do grupo Ouriol, será ofrecido no salón de actos da Biblioteca Pública “Miguel González Garcés” da Coruña o mércores 19 de decembro ás 20:30 horas.
O espectáculo conxuga poesía e música nun diálogo suxestivo que procura a comunicación de sensacións, emocións e sentimentos. O recital, que ten como fío conductor a propia experiencia poética, traslada ao noso idioma versos de autores estranxeiros ,tales como Blake, Michaux, Kavafis, Wallace Stevens, Sylvia Plath, Pizarnik, Cirlot, Gamoneda ou Celan; asemade, estará presente a poesía de poetas galegos como Miguel González Garcés, Manuel María ou Luísa Villalta.
O grupo Ouriol está formado polos músicos Fito Ares -instrumentos de vento- e Bernardo Martínez –percusión e clarinete-; a voz recitadora é a da poeta Eva Veiga.
Este evento pertence ao programa de actividades de animación á lectura que vén desenvolvendo a Biblioteca “Miguel González Garcés”.