Amauta Castro: “Cómpre rexeitar elitismos, falsas vangardas, profanar a propia tradición e ir alén da cultura de consumo interno”

Entrevista de Montse Dopico a Amauta Castro en Praza:
“O amor, a linguaxe, o desamor e o binomio tempo-destrución -en relación co amor, tamén-. Son os eixos temáticos de A tarde. O desacougo, o poemario co que Amauta Castro vén de gañar o Premio de Poesía Pérez Parallé. Unha aposta, segundo conta o autor nesta entrevista, por un “modelo de escrita moi concreto”, baseado “nunha poesía espida que tenta manter unha condensación moi próxima á expresión mínima, ao aforismo, ou ao mundo do haiku”. Amauta (seudónimo de Rafael Muñoz Castro) respondeu as nosas preguntas por correo electrónico desde Girona, onde vive.
– Praza (P): Antes de nada, como foi recibir a noticia do premio e que significa para ti?
– Amauta Castro (AC): Sei que sempre se di, pero non agardaba o premio. De feito pensaba que xa se fallara o sábado e que evidentemente eu non fora o galardoado. Cando o domingo á noite recibín a chamada da organización do Pérez Parallé quedei moi sorprendido.
Non vexo o premio como unha ferramenta comercial ou editorial senón como un recoñecemento ou un estímulo para alguén que sinxelamente procura o verso cada día. Os premios teñen unha natureza complexa, mesmo inxusta. É por iso que hai que coller folgos e continuar: “Y sobre todo, mirar con inocencia. Como si no pasara nada, lo cual es cierto”. A. Pizarnik.
– P: O poemario está dividido en catro partes: a primeira ten que ver co amor; a segunda coa escrita e a terceira e cuarta co amor outra vez, mais camiñando cada vez máis cara á escuridade (o desamor). Por que esa estrutura en catro partes? Algunha razón especial para que a estrutura de cada unha delas sexa como de pequenos poemas separados entre si por números romanos?
– AC: Trátase de catro plaquettes que poden ser perfectamente autónomas e lidas dun xeito individualizado. En troques, o que si que hai é unha liña estética común. Deféndese un modelo de escrita moi concreto, baseado nunha poesía espida que tenta manter unha condensación moi próxima á expresión mínima, ao aforismo, ou ao mundo do haiku.
Os eixos temáticos son, por esta orde: o amor, a linguaxe, o desamor e o binomio tempo-destrución (en relación co amor, tamén). A unidade vén dada, xa digo, por un tipo de poesía que eu defendo desde os últimos anos e que fun atopando a base de ensaiar as palabras día a día. O poemas son efectivamente curtos e responden a cadansúa unidade temática, e na súa orde interna seguen un fío non discursivo e están simplemente numerados. (…)”