«Trinta e oito obras compiten no Premio Xerais de Novela, e trinta e dúas polo Premio Merlín de Literatura Infantil. Os xurados declararán as obras finalistas na súa primeira reunión, que se celebrará o venres, 4 de xuño. Os premios serán fallados o sábado 12 de xuño na illa de San Simón.Edicións Xerais de Galicia, unha vez pechado o prazo de admisión de orixinais dos seus premios literarios 2010, nomeou aos membros dos dous xurados.
O xurado da XXVII edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 25.000 euros e no que concorren trinta e oito obras, está formado por: Comba Campoy (actriz), Manuel Ángel Candelas Colodrón (profesor da Universidade de Vigo e blogueiro), Roberto Pérez Pardo (profesional do libro), Belén Regueira (xornalista), Antón Sobral (pintor) e Fran Alonso (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto.
Con motivo da celebración do XXV aniversario do Premio Merlín de Literatura infantil, Xerais acordou formar o xurado con escritores e escritoras gañadores de edicións anteriores.
O Premio Merlín de literatura infantil , dotado con 10.000 euros e no que concorren trinta e dúas obras, está formado por: An Alfaya (Premio Merlín, 1997), Jacobo Fernández Serrano (Premio Merlín, 2009), Antonio García Teijeiro (Premio Merlín, 1996), Mar Guerra (Premio Merlín, 2008), Gloria Sánchez (Premio Merlín, 1990), e Helena Pérez Fernández (secretaria do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto.
Os dous xurados determinarán as obras finalistas na súa primeira reunión, o venres 4 de xuño, e as gañadoras, na segunda, a celebrar o sábado 12 de xuño. A festa de fallo dos premios terá lugar ese mesmo día na illa de San Simón.»
Edicións Xerais de Galicia