Olga Novo: “Hai persoas que realizan actos de poesía aínda que despois non escriban un só poema”

Entrevista de Daniel Salgado a Olga Novo en Sermos Galiza:
“A Feliz Idade (Kalandraka, 2019) da poeta Olga Novo (Vilarmao, A Pobra do Brollón, 1975) é a da creación. A da creación humana e a da creación poética. Salmo vitalista e pregaria pola liberdade, composicións que cantan á materia e cantan á memoria, salutación aos outros, funde poesía e amor. “como o útero me medra / ata alcanzar a dimensión exacta / da poesía”, escribe en Premontaña. “Que toda herdanza sexa a do amor e non a propiedade”, afirma na Carta limiar que endereza á filla acabada de nacer. Novo explica a Sermos Galiza o contexto e as forzas que operan no seu quinto libro de poemas. Eis un extracto da entrevista publicada no semanario en papel.
– Sermos Galiza (SG): É difícil preguntar sobre unha poesía tan afirmativa como a súa.
– Olga Novo (ON): Desde logo, é unha poesía afirmativa, porque é a poesía dunha muller autoafirmada. Eu escribo como vivo, dalgunha maneira. Ás veces pregúntanme polos proxectos que teño en marcha e nunca sei que contestar. Porque a poesía, a escrita en xeral, vai nacendo ao mesmo tempo que as experiencias vitais. A poesía xorde na vida. Non teño un proxecto teórico formado, senón que hai creación espontánea. É o sentido dun trallazo, unha concepción un tanto romántica da creación.
– SG: O “fogonazo” que titula a primeira sección do libro.
– ON: Exactamente. Ese fogonazo é en realidade a irrupción da vida, a concepción dun ser e polo tanto un embarazo. E, no fondo, é tamén o fogonazo da propia creación literaria. De feito ao longo de todo o libro dáse esa identificación entre esas dúas creacións. Ao final, non deixan de ser dúas creacións vitais. Ambas as dúas están moi conectadas, son experiencias do propio corpo, da existencia. (…)”