“Berta Dávila intérnase na ficción do eu”

Entrevista de Daniel Salgado a Berta Dávila en Sermos Galiza:
“”Durante moitos meses, espertei cedo cada día para non escribir nada. Despois tío Carlos morreu e pensei que necesitaba buscar o principio de todo isto. Así que que volvín a este cuarto de hotel. Agardaba atopalo igual que o deixara a outra vez”. O primeiro parágrafo de Carrusel (Galaxia, 2019) é xa unha especie de mapa secreto para as súas 121 páxinas. Así, no último libro de Berta Dávila (Compostela, 1987) hai un complexo xogo de tempos narrativos, certo enfrontamento coa finitude, a vontade de escribir contra vento e maré e a imposibilidade case física de facelo, tabús que se veñen abaixo, o outro como liberación e ás veces condena.
“Eu estaba escribindo sobre diferentes cuestións, como cabaliños nun carrusel que soben e baixan”, explica Dávila a Nós Diario, “pero decateime de que todo xiraba arredor dun mesmo asunto concreto. Decidín que precisaba un soporte e busquei un modelo”. Ese núcleo implícito era a doenza mental, o tema do que, nas súas propias palabras, a autora se agochaba. “Agora, cando lembro o tempo breve que pasei no hospital, ao tratar de facer un relato do que non posúe unha narrativa propia, vén á miña cabeza aquela canción terríbel de Johnny Cash, The beast in me“, afirma a voz en primeira persoa que enfía a obra.
A escritora cavilou cada movemento co que se internaba no subxénero da autoficción ou ficción do eu. Non excesivamente practicada na literatura galega -exemplos máis ou menos recentes son A identidade fascinada (Galaxia, 2015), de Antonio Piñeiro, ou Os xornalistas útópicos (Xerais, 2013) e Todo ser humano é un río (Xerais, 2016), de Manuel Veiga-, asédiana a confusión e o pudor, a malinterpretación e a nugalla crítica. “Carrusel está moi meditado”, sinala Dávila, “porque unha sabe a que tipo de preguntas se enfrontará. Mais sucede con este libro algo que me interesa: hai certa vergoña á hora de preguntar sobre a súa cuestión central [a doenza mental] de maneira directa”. En todo caso, ela tomou a decisión de non respondelas. “Mais non me incomodan, sería inxenua se o fixese”, engade.” (…)
O tempo e o mecanismo ao respecto deseñado pola autora é outro dos elementos fundamentais de Carrusel. “Xogo con el desde unha perspectiva emotiva e non sucesiva”, afirma. A narración é como simultánea, ás veces circular pero con altos e baixos tal o propio carrusel, formulada por Dávila a xeito de tea. “Nela fanse dobreces e fragmentos da mesma acadan así intimidade absoluta”, esténdese. O reto era descubrir as maneiras en que unha emoción conecta cunha música que “sentías de adolescente, escoitas nun bar e de súpeto estás tan perdida como aos 15 anos”. (…)”