Italia: Xoán Curiel presenta o seu espectáculo Palabras en música

“O cantautor Xoán Curiel estará a vindeira semana en Italia co espectáculo Palabras en música. A través deste proxecto amosará versións musicadas de diferentes textos da poesía galega, desde as súas orixes ata a actualidade. En Roma estará o 19 de novembro na Galleria Nazionale d’Arte Moderna, un dos lugares máis notorios da arte e a cultura romana, mentres que en Perugia actuará o 20 de novembro noutro lugar emblemático, a Sala dei Notari del Palazzo dei Priori. A iniciativa nace da colaboración entre os Centros de Estudos Galegos de Roma e Perugia, na súa procura de difundir a cultura galega entre o público italiano.”