Entrevista de Héctor Pena a Fran Alonso en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Cal é o estado de saúde de Xerais a día de hoxe?
– Fran Alonso (FA): É bo. Acabamos 2019 razoabelmente ben, e eu son optimista e positivo con respecto ao futuro. Tamén hai que ver como vai evolucionando ese futuro, non só con respecto á editorial, senón a todo o libro galego, porque é certo que ás veces cando vemos as cifras de vendas, e non falo da facturación, senón do número de exemplares, é desacougante. Hai libros excelentes que teñen unas vendas baixísimas, o que nos devolve á realidade e fainos ver en que contexto nos movemos e a forma en que nos acolle a sociedade á que nos diriximos, o que nos remite, ao problema da lingua.
– ND: Incidiremos nese punto máis a fondo na entrevista coa directiva da Asociación Galega de Editoras, da que vostede forma parte, e que publicaremos no suplemento Sermos Galiza, mais, considera que a falta de apoios por parte dos poderes públicos, en xeral, e da Xunta da Galiza, en particular, está a acabar lentamente co sector?
– FA: O apoio á lingua é vital, porque os nosos libros están en lingua galega, e se non hai falantes en lingua galega, evidentemente non vai haber lectoras en galego. Logo, resulta fundamental, tamén, a cuestión do acompañamento. Necesitamos que a Xunta nos acompañe nas nosas accións. Non se trata só dunha cuestión económica, senón tamén de acompañamento moral, intelectual… Se queremos avanzar necesitamos, tamén, estar avalados polas nosas institucións. E hai outro punto que me parece moi importante: falo do apoio arredor do ámbito do libro en lingua galega, ás librarías que poñen o libro galego nos escaparates, á crítica e aos medios de comunicación que apostan pola lingua e polo libro no idioma. É dicir, hai que acompañar, tamén economicamente, non tanto ás editoras, senón a toda esa contorna que necesitamos para desenvolver o noso traballo e para achegar o libro galego o público. Eu estiven hai anos en Gales, e as diferenzas son abismais. Chama a atención o intensísimo apoio que tiñan no ámbito promocional a todo o mundo do libro en lingua galesa. Iso é algo que nunca se fixo aquí e que debemos reclamar con forza.
– ND: Conserva Xerais a súa autonomía con respecto a Anaya?
– FA: Si, absolutamente. O que nos piden é que a editorial non dea perdas, que sexa rendíbel, pero iso xa o sabemos por nós mesmos, porque hoxe en día unha editorial que dea perdas non é viábel. Polo demais, temos absoluta independencia para elaborar o noso plan editorial e tomar as decisións que nos parezan oportunas. Hoxe en día hai unha concentración importante no mundo editorial, mais Xerais ten o seu propio espírito desde a súa fundación, e non ten por que cambiar.
– ND: A derradeira pregunta toma un cariz un pouco máis persoal. Na súa web, Fran Alonso segue a definirse como escritor, mais vai para dous anos que non actualiza con novidades a sección Libros. Que queda do escritor? Foi fagocitado polo editor?
– FA: En boa parte si, foi fagocitado (ri). Nestes case dous anos o meu nivel de dedicación foi tan intenso que non fun quen de facer nada. O cambio foi un proceso complexo que requiriu unha dedicación importante, porque como é algo que non esperaba obrigoume a deixar de lado todo o labor creativo, mais espero no futuro poder recuperar o Fran Alonso escritor.”