Entrevista a Carlos Negro en Palabra de Gatsby:
“(…) – Palabra de Gatsby (PG): Comezamos forte. Que significa a poesía para vostede?
– Carlos Negro (CN): Como lector, significa un asombro, unha expectativa, unha válvula de escape. Un interrogante que esixe de nós un esforzo e unha apertura, saírnos de nós mesmos a través da palabra da Outra ou do Outro. Como escritor, a poesía redúcese ao poema: un intento concreto de poñer en tensión a linguaxe para indagar na vida sen concesións gratuítas, a través dun oficio que combina rigor, expectativa, intuición e gozo. (…)
– PG: Como definiría o seu proceso creativo?
– CN: Os procesos creativos son complexos e non sempre responden a pautas estritamente racionais. Hai, polo xeral, unha fase de inicio onde operan estímulos intuitivos, ideas inconexas e soltas, imaxes que nos afectan dun modo inesperado, un magma prelingüístico que vai collendo forma na cabeza, non aínda no papel ou pantalla. Ese magma, remexido durante tempo dun modo introspectivo, vai transformándose no lévedo primario dunha idea global, dun punto de partida para escribir un conxunto de textos que pulan na mesma dirección, aínda que non se saiba ben o destino.
Cando xorde esa idea-forza, adoito incidir en cada poema como parte dun todo, e non como unha peza solta que brille por si mesma; de aí que traballe case sempre cun conxunto de textos que interaccionan entre si, procurando unha estrutura sólida, interdependente, que sume no contraste das partes.
Logo, tras unha primeira fase de escrita bastante libre e salvaxe, onde se deixa aflorar todo o que xorde de dentro, vén o oficio: construción de sucesivos borradores, recolocación de textos dentro dun conxunto dado, adicción ou supresión de versos, depuración de lingua e estilo, fase de repouso e, tras un tempo prudencial, revisión última. E, sobre todo, rigor para eliminar todo aquilo que o oído perciba como fanfarria excesiva. (…)
– PG: Como valoraría a situación da poesía actualmente en Galicia? Podería destacar algúns títulos de entre as publicacións máis recentes?
– CN: Unha valoración xusta do momento histórico que vive a poesía galega precisa dun distanciamento temporal e crítico que eu non son quen de facer; desconfío das idades de ouro que ás veces se establecen con certa lixeireza. De todas formas, coido que a nosa poesía goza dunha excelente mala saúde, tendo en conta que escribimos nunha lingua que subsiste con respiración asistida. Aínda así, cada ano leo dous ou tres libros de poesía dun nivel excelente, o que non é pouco para unha literatura dun país relativamente pequeno. Poño exemplos recentes: gocei moito coas Fosforescencias de Lupe Gómez, coa Feliz Idade de Olga Novo, co Atlas de Alba Cid ou con A cama do meu avó Manuel Sanmartín Méndez, de Celso Fernández Sanmartín, entre outros títulos.”