Carlos Negro: “Gústame a poesía contaminada polo día a día das cousas, non perfecta, que corra o risco de ser efémera, aínda que no fondo aspire a perdurar”

Entrevista a Carlos Negro en Palabra de Gatsby:
“(…) – Palabra de Gatsby (PG): Comezamos forte. Que significa a poesía para vostede?
– Carlos Negro (CN): Como lector, significa un asombro, unha expectativa, unha válvula de escape. Un interrogante que esixe de nós un esforzo e unha apertura, saírnos de nós mesmos a través da palabra da Outra ou do Outro. Como escritor, a poesía redúcese a​o poema​: un intento concreto de poñer en tensión a linguaxe para indagar na vida sen concesións gratuítas, a través dun oficio que combina rigor, expectativa, intuición e gozo. (…)
– PG: Como definiría o seu proceso creativo?
– CN: Os procesos creativos son complexos e non sempre responden a pautas estritamente racionais. Hai, polo xeral, unha fase de inicio onde operan estímulos intuitivos, ideas inconexas e soltas, imaxes que nos afectan dun modo inesperado, un magma prelingüístico que vai collendo forma na cabeza, non aínda no papel ou pantalla. Ese magma, remexido durante tempo dun modo introspectivo, vai transformándose no lévedo primario dunha idea global, dun punto de partida para escribir un conxunto de textos que pulan na mesma dirección, aínda que non se saiba ben o destino.
Cando xorde esa idea-forza, adoito incidir en cada poema como parte dun todo, e non como unha peza solta que brille por si mesma; de aí que traballe case sempre cun conxunto de textos que interaccionan entre si, procurando unha estrutura sólida, interdependente, que sume no contraste das partes.
Logo, tras unha primeira fase de escrita bastante libre e salvaxe, onde se deixa aflorar todo o que xorde ​de dentro​, vén o oficio: construción de sucesivos borradores, recolocación de textos dentro dun conxunto dado, adicción ou supresión de versos, depuración de lingua e estilo, fase de repouso e, tras un tempo prudencial, revisión última. E, sobre todo, rigor para eliminar todo aquilo que ​o oído perciba como fanfarria excesiva. (…)
– PG: Como valoraría a situación da poesía actualmente en Galicia? Podería destacar algúns títulos de entre as publicacións máis recentes?
– CN: Unha valoración xusta do momento histórico que vive a poesía galega precisa dun distanciamento temporal e crítico que eu non son quen de facer; desconfío das idades de ouro que ás veces se establecen con certa lixeireza. De todas formas, coido que a nosa poesía goza dunha excelente mala saúde, tendo en conta que escribimos nunha lingua que subsiste con respiración asistida. Aínda así, cada ano leo dous ou tres libros de poesía dun nivel excelente, o que non é pouco para unha literatura dun país relativamente pequeno. Poño exemplos recentes: gocei moito coas ​Fosforescencias de Lupe Gómez, coa ​Feliz Idade de Olga Novo, co Atlas de ​Alba Cid ou con ​A cama do meu avó Manuel Sanmartín Méndez,​ de Celso Fernández Sanmartín, entre outros títulos.”

O certame aRi[t]mar nomea as poesías finalistas de Galiza e Portugal

Desde Sermos Galiza:
“Xa se coñecen as poesías finalistas do certame aRi[t]mar. De entre estas poesías, publicadas na Galiza e Portugal durante o ano 2018, saírán as gañadoras mediante votación do público.
O público será quen vote as persoas gañadoras de entre as finalistas que nomeou o xurado do certame aRi[t]mar Galiza e Portugal. Este evento da música e da poesía galego-portuguesa nomeará, por elección de público, quen serán as e os poetas que gañen, xunto coas e cos artistas musicais xa electos, e recibirán os galardóns na Gala de Premios aRi[t]mar Galiza e Portugal 2019.
Nesta edición, o xurado seleccionou dez poesías galegas e 10 portuguesas como finalistas, para que o público poida votar as gañadoras.
As persoas que quixeren participar poderán votar a través da web aritmar.gal até o 10 de maio.
As poesías electas polo xurado como finalistas desta edición son:

Finalistas de Galiza:
Polinizándome, Andrea Nunes/María Rosendo, Diáspora do amor.
Os estorniños cobren a vila, de Carlos Lixó, As casas.
A memoria, de Celso Fdez. Sanmartín, A cama do meu avó.
Lista da compra da viúva, de Emma Pedreira, Antídoto.
Perderei a cabeza, de Lara Dopazo, Claus e o alacrán.
Fasme amor, de Laura Ramos Cuba, A situación actual.
Quen te tirou da burra, de Lucía Aldao, Todo isto antes era noite.
Xa non son quen, de Marta Dacosta, Labirinto ou memoria.
Tan lonxe non está o mar, de Pilar Pallarés, Tempo fósil.
E isso é o amor, de Susana Sanches Arins, Tu contas e eu conto.

Finalistas de Portugal:
Hotel em casa, de Adília Lopes, Estar em Casa.
É com palavras que te vou guardar, de Alice Vieira, Olha-Me como quem chove.
Perturba-me a ideia de morreres, de Aurelino Costa, Gadanha.
Nómadas, de João Luís Barreto Guimarães, Nómada.
Castanhas: uma dúzia, dois euros, de José Alberto Oliveira, De Passagem.
Fachada, de Marta Chaves, Varanda de Inverno.
I clipe para todos (Folhas unidas jamais serão perdidas), de Rosa Alice Branco, Traçar um nome no coração do branco.
Aula de arqueologia, de Tatiana Faia, Um quarto em Atenas.
Vou sempre trocar-te, de Valter Hugo Mãe, Publicação da Mortalidade.
Existe um elemento, de Vasco Gato, Um Passo Sobre a Terra.

O certame aRi[t]mar Galiza e Portugal da música e da poesía galego-portuguesa é unha iniciativa da Escola Oficial de Idiomas de Santiago que nace co obxectivo de divulgar a música e a poesía galego-portuguesa actuais e achegar a cultura e a lingua dos dous países.”