Artigo de Daniel Salgado en Nós Diario:
“”Os dous, da terra lonxe / andamos e sufrimos, ¡ai de min! / Mais ti tan sóio te recordas dela, / i eu, dela e mais de ti. // Ambos errantes polo mundo andamos / i as forzas acabando van. / Mais, ¡ai!, ti nela atoparás descanso, / i eu tan sóio na morte o hei de atopar”, escribe Rosalía de Castro no poema Tan sóio, case na fin do impresionante Follas Novas (1880). Deste poema extraeu Daniel Asorey a idea e a inspiración para redactar o Manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) no Día de Rosalía de Castro 2020. Ao longo desta fin de semana, o texto lerase en innúmeros actos de conmemoración do 183 aniversario do nacemento da poeta.
“Eu sempre escribo das mesmas cousas, e obsesióname a idea da necesidade do ser humano de marchar”, explica Asorey a Nós Diario, “e neste contexto de persecución dos migrantes, de xenofobia e coa irrupción moi forte da ultradereita, pensei que había que escribir contra ese bulldózer do odio e do medo”. O discurso comeza co verso “ambos errantes no mundo andamos” -escollido como palabra de orde para a programación da AELG na efeméride- e afirma: “Logo, a muller aquela, desafiando leis masculinas, sentenciou: Toda a terra é dos homes e das mulleres. Toda a terra”.
“Aproveito que Rosalía de Castro é marabillosa e serve para case todo”, sinala Asorey, “e así falar contra o medo que espalla a ultradereita e de que cada un debe escoller a súa identidade”. Esta última cuestión está directamente relacionada co seu primeiro libro de poemas, Transmatria (Xerais, 2019, premio Johán Carballeira o ano anterior).
“Foi evidente entón que ela xa non precisaba apelidos. Sería sempre Rosalía, e había sinalar futuros e denunciar dores e inxustizas. Errantes no mundo”, continúa o Manifesto, “a súa palabra inzou poderosa, precisa, contundente. Outra vez os vaivéns da fertuna / para lonxe me arrastran, afirmou, así que axiña entendemos que os camiños nos igualan e os tránsitos nos fan humanos”. A errancia e o nomadismo contra o dereito de sangue que adoitou defender historicamente a reacción, vén dicir o escritor, que pretende conxurar a ameaza neofascista.
“Cada un e cada unha debe buscar o seu camiño, e todas somos errantes”, entende Asorey, que no texto di: “Camiñamos. Marchamos. Fuximos. E no medio do desamparo, da dor da partida, do mundo deixado e do degoirado, Rosalía amosou o desconsolo de migrar e o afliximento de ficar. Tamén nos aprendeu a ollar, a saber, a ser. Dende entón a nosa voz foi para semore palabra de muller. No éxodo infinito. A nosa voz errante no mundo”.
A AELG encarga cada ano a escritura do texto polo Día de Rosalía a un autor ou autora. “Para min foi unha honra moi grande que pensasen en min, cando hai xente moito máis valiosa que podería facelo mellor”, asegura. Contra o seu tramo final, o manifesto exprésase así: “É difícil imaxinarnos sen Rosalía, como é difícil alentar sen ar ou vivir sen auga. É difícil entendérmonos sen nos saber errantes. Fagamos vivos os seus versos en cada persoa que foxe, en cada ser humano que chimpa un muro, que se bota ao mar, que decide o seu futuro e a súa identidade libremente […] Errantes no mundo e sempre libres!”.”