Entrevista de Inma Otero Varela a Berta Dávila en Insula Europea:
“(…) – Insula Europea (IE): Un dos aspectos que se destaca da túa traxectoria é a faceta de poeta e narradora, moi compensadas desde o punto de vista da produción de textos de ambos xéneros e dos recoñecementos que obtiveron. Como consideras esta dupla perspectiva? Cres que afecta dalgunha maneira ao teu xeito de escribir?
– Berta Dávila (BD): Paréceme inevitable que afecte. Eu entendo a escrita literaria como un oficio, moitas veces como unha artesanía. O que quero dicir con isto é que teño unha relación case tanxible cos procesos de escrita, e tamén coa linguaxe ou coa metáfora como material de traballo. Iso é algo que vai máis alá do xénero literario, como se o xénero literario fose a fórmula ou o molde co que tratar o material. Tamén ocorre que os procesos de escrita, no meu caso, están moi relacionados cos espazos, tanto os domésticos como os da cidade. As imaxes, as ideas que se producen, as anotacións, os cadernos, os recortes, deposítanse nun lugar. De feito hai etapas nas que prefiro escribir fóra da casa para que os lugares nos que vivo non se contaminen do traballo literario. E tamén ao revés, claro. Escribín un poemario pendurando os textos nas paredes do corredor porque eran moitos textos para xestionalos só na cabeza e tamén porque precisaba telos presentes, rodeándome, para pensar neles. Desde ese punto de vista, na mesa de traballo as cousas que un fai contamínanse materialmente unhas a outras. Así que, dalgunha maneira, as miñas novelas poden conter, inevitablemente, trazas do meu traballo poético. E tamén ao revés. Paréceme que a miña narrativa é máis interesante que a miña poesía, que é algo co que eu non contaba cando comecei a escribir poesía e a narrativa non estaba nin sequera en proxecto. Porén, hai ferramentas da poesía que son moi útiles para min á hora de facer narrativa: a condensación, a imaxe, usar unha parte para falar dun todo. Nos últimos anos escribín algúns poemas que penso que poden xuntarse nun libro de poemas, pero non teño claro que ese libro sexa un poemario como tal, un libro enteiro, e paréceme que me fun convertendo nunha poeta de poemas e non de poemarios, algo que ten moito que ver coa miña faceta de narradora. A narradora non concibe que haxa que dicir algo utilizando moitas unidades de significado separadas e independentes que conflúen para conformar ese algo que se di (como son os poemas dentro dun poemario) senón que tende a pensar en facelo nunha soa unidade, curta ou breve, de sentido completo (como é a novela ou o relato). Non sei se isto se entende. Os capítulos dunha novela non son equivalentes aos poemas dun poemario porque non son independentes uns dos outros. Os poemas son unidades completas. Unha novela cabe, ou debería caber, nun poema só.
– IE: A crítica ten sinalado respecto á túa obra o coidado na elaboración das imaxes, mesmo nos textos narrativos, a preocupación pola lingua e a creación de ambientes; de espazos e dos seus “obxectos exquisitos”, por empregar unha expresión de Carrusel, que reforzan a beleza e a dor. Que función ten esta procura estilística constante?
– BD: Para min non é unha procura estilística. Creo que ten que ver coa miña forma asombrada de ollar o mundo e a vida e que non é algo que se circunscriba só a cando observo o que me rodea coa pretensión de facer literatura. A idea de beleza ou de dor, ou a idea do que é sublime e do que é miserable, son todas cousas que nacen antes da literatura, non é que a literatura pretenda tratar, recrear ou reconstruír a beleza ou a dor senón que a dor e a beleza queren ser expostas ante alguén, nun momento dado, a través da literatura. Supoño que non conseguiría explicalo ben por máis que me esforzase e que, a priori, parece non haber diferencia entre os dous enunciados que veño de opoñer, pero para min o artefacto que é a literatura serve en todos os casos a un significado último que case sempre ten moito que ver con comunicar a emoción precisa. Na miña literatura non hai unha sublimación do mundo que o volva literario nin unha conceptualización pretendida do sinxelo e do común para abismarse, a través diso, a temas elevados. É que o sinxelo e o común decote me asombran e iso ten, en si mesmo, un significado fermoso. En Carrusel, por exemplo, cando a nena se fascina coa fraxilidade e a beleza dunha figura de cristal, a figura de cristal non é necesariamente unha metáfora construída para explicar a fraxilidade da nena e a característica do efémero como depositario do precioso. Non hai unha vontade de crear a figura de cristal para explicar esas cousas senón unha descuberta de que a figura de cristal da que se quere falar as representa. E así as palabras axeitadas para contalo son tamén descubertas. (…)”