Desde Nós Diario:
“Pandemia? Si, mais de contos! Esa é a proposta virtual que desde o colectivo NOGA, antes Narración Oral Galega, botaron a andar para vivir en positivo estes días de illamento. Caxoto, Cris de Caldas, Brais das Hortas ou Atenea García saltan así a Youtube para compartir con todas unha sorte de narracións. Gostamos da idea e para matar a curiosidade falamos un chisco con Atenea García, contadora profesional e unha das artistas que podemos ver na canle Pandemia de Contos.
– Nós Diario (ND): Cóntenos como botou a andar o colectivo NOGA?
– Atenea García (AG): O colectivo NOGA, que nun principio se chamaba Narración Oral Galega, nace ao decatármonos de que a maioría das profesionais das artes escénicas estaban ben demarcadas -pénsese en bailarinas, actrices etc.-, mais as narradoras non. De momento somos un colectivo informal, non temos unha identidade xurídica, mais á hora da verdade si que está funcionando como rede de apoio, con varias liñas de traballo abertas e ben definidas. Por exemplo, traballamos a profesionalización do sector; realizamos o Encontro de Mondoñedo, que naceu en 2019 e do que este ano celebramos a segunda edición para compartir inquedanzas ou problemáticas; e, por outra parte, levamos adiante algunha proposta vinculada coa formación como contadoras para seguir mellorando.
– ND: E a Pandemia de Contos, como agromou a idea?
– AG: No momento no que se declarou o estado de alarma e nos puxemos en corentena, as persoas que facemos parte das artes escénicas, en xeral, fomos as primeiras nas que xurdiu o impacto. O Festival Atlántica, por exemplo, que se inaugurou na cuarta feira, tivo que solventar moitísimos problemas, e, a raíz de aí creamos un grupo de coidados, para darlle hospedaxe ás persoas que viñan convidadas doutros países, desde o Brasil, Estremadura… Á parte, tamén creamos un grupo de reivindicacións, desde o punto de vista laboral, para solicitar axudas, no que están traballando Charo Pita e Lois Pérez. Así, outra das iniciativas foi a Pandemia de Contos para ofrecer contido como colectivo, de calidade… Naceu dese ímpeto e desas ganas de ofrecer o que facemos para estar tamén presentes nun momento tan complicado coma este. Somos moita xente e hai que coidar o repertorio de cada quen, mais darlle contido á sociedade da que formamos parte para devolverlle un pouco do que nos inspiran tamén é moi bonito e necesario. Debemos ser conscientes de que a cultura ten o seu valor. En xeral foi como moi complicado contarllo a unha cámara porque estamos acostumadas a mirar a xente aos ollos. Foi curioso colocarse nese lugar como contador. Mais está sendo bonito porque chegan vídeos de persoas coñecidas e tamén descoñecidas, a xente é moi agradecida e si que sentimos que se está valorando o traballo das contadoras no tecido social.
– ND: Nese sentido, como está a vivir esta situación?
– AG: Non somos médicas, mais agradecemos que se recoñeza ese traballo, queremos saír adiante do mellor xeito posíbel. A título persoal, creo que estamos a vivir nunha época na que prima o colectivo, mais cando un sector é por si precario, e as artes en xeral son as que sofren máis, vai ser tamén o que máis resentido se vexa. As autoridades terán que poñer oídos e comezar a escoitar, ver o que nós propoñemos e nós coñecer o que elas propoñan. Onte saíron xa as medidas por parte da Agadic, e por agora freáronse as contratacións que estaban abertas. O que me chega é que desde os concellos continúan traballando desde a casa, mais claro, hai datas que, por axenda, son imposíbeis de adiar. Que manteñan o compromiso coas actuacións que estaban pechadas, e se non se pode ou non dá tempo en 2020, que sexan en 2021… Debemos facer forza conxunta. O nivel de precariedade vai en función tamén do que xa tiñamos desde a propia base. No que respecta á Pandemia de Contos, de momento non sabemos se o material ficará en aberto -aínda non se falou-, mais imaxino que si. As contadoras traballamos moito con normalización e, desde ese punto de vista, o colectivo NOGA ten un compromiso coa lingua. Aínda que non temos entidade xurídica ou estatutos, si mantemos uns mínimos, e un deles é que as persoas que formen parte do NOGA deben contar en galego. A lingua é un vehículo para nós, a palabra é o primordial.”