Entrevista a Rosalía Fernández Rial en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): É filóloga, doutora en didáctica das linguas e da expresión dramática pola USC, performer, escritora, profesora de lingua e literatura… Cal das súas múltiples facetas lle ocupa agora máis tempo?
– Rosalía Fernández Rial (RFR): Todas me ocupan tempo por igual. Sobre todo na actualidade, xa que a educación está nunha conxuntura moi complexa. E a arte e o pensamento veñen de demostrar que son o único que nos pode salvar. Intento abranguelas todas desde un punto de vista poético. O poético entendido nun sentido amplo, non só como poesía escrita, tamén como poesía levada á escena, á existencia, á musica e á educación. A educación literaria debe ter un compoñente poético, utópico e artístico.
– ND: No seu último libro, Árbores no deserto, as súas creacións poéticas parten das reflexións de varias pensadoras feministas. A que se debe a escolla destas autoras?
– RFR: Algunhas foron inevitábeis, como Rosalía de Castro, polo feito de ser muller, galega e poeta. É a identificación e o símbolo máximo do noso país e da nosa literatura. Con outras pensadoras deixeime levar pola pulsión artística máis que por unha clasificación racional. Escollín aquelas coas que atopei unha conexión, un substrato poético. Tamén me deixei guiar pola intuición e por certas curiosidades como que Flora Tristán (unha das 11 mulleres que aparecen) é avoa dun famoso pintor. Todas elas me espertaron unha inspiración e un impulso creativo.
– ND: Como foi o proceso? Quen está máis presente nos poemas, vostede ou as diferentes autoras?
– RFR: Un dos meus principios compositivos é que a miña voz quedase, moitas veces, nun segundo plano. Non a perdo de todo, pero deixo que se transforme por completo. Era necesario facer unha polifonía na que miña voz nunca tapara as das outras mulleres. Quixen cuestionar o eu lírico tan intrínseco á poesía e transformalo nun nós lírico. (…)”