Entrevista de Belén Bouzas a Inma López Silva en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Vén de gañar o Premio Eusebio Lorenzo Baleirón coa obra Clepsidras. Como recibe a noticia?
– Inma López Silva (ILS): Imaxina, con moita alegría porque cando me deu por escribir poemas fun eu a primeira sorprendida [risos]. Case foi un arrouto.
Cando decidín darlle forma de libro ao conxunto de poemas que tiña, eu mesma me puxen na tesitura do que iso implicaba. É dicir, teño un libro de poemas, pensaba, que fago con el? Que nivel de sorpresa pode ter a xente cando eu son tamén unha das primeiras sorprendidas de ter escrito un libro de poemas? Por enriba, que o premiaran resultou mel con filloas. Deste modo, alguén que non son eu, que o le, está a dicirme que é publicábel, que pode ser lido por máis persoas.
– ND: Porque é a súa primeira incursión na poesía…
– ILS: Cando levas moitos anos facendo só un xénero sénteste moi insegura ao mudar para outro. Sabes que seguramente es quen de facelo ou que acabarás aprendendo, mais a seguridade e a comodidade non a tes até que pasa moito tempo… O feito de que un xurado lera o poemario e decidira que non estaba tan mal é unha forma de aprobación que anima a seguir.
O Eusebio Lorenzo Baleirón é ademais un premio bonito. É moi relevante que un concello pequeno, como o de Dodro, lograra manter durante 34 anos un galardón deste estilo. Nestes ámbitos, o difícil non é só alcanzar o prestixio, senón consolidar no tempo. E iso hai que polo de relevo. A actividade cultural que xera un premio, a propia homenaxe a Eusebio, que era un grandísimo poeta, e que todo isto se manteña e que o faga un concello pequeno, cos recursos que teñen, é moi loábel.
– ND: Do poemario valoraron «a potencia das imaxes que van artellando un discurso arredor da xenealoxía feminina». Que nos pode adiantar da temática?
– ILS: Si, desde o xurado entenderon moi ben esa liña, esa idea da xenealoxía, que eu a pensaba desde o punto de vista do paso do tempo.
Titúlase Clepsidras porque o poemario en si é unha reflexión sobre o que é a vida, o que implica o paso do tempo na vida e concretamente o paso do tempo na vida dunha muller, que ao final é indefectíbel do vínculo coa procreación porque todas somos fillas de alguén.
Esa reflexión sobre a idea de permanencia ou o contraste entre a permanencia e a volatilidade de todo o que nos rodea é o fío condutor.
A clepsidra é o reloxo de auga. Seguindo esa imaxe, como podemos medir o paso do tempo con algo inaprensíbel como é un líquido? (…)”